Cintia Folgueira: "É moi importante participar en actividades de divulgación para visibilizarnos como científicas"

Jessica Fernández
Como nace o seu interese pola ciencia?
Sempre fun bastante curiosa. Fascinábame como funcionaba o corpo humano, como órganos tan distantes entre si, como o cerebro ou o corazón, eran capaces de estar coordinados e funcionar perfectamente. O problema vén cando non é así e aparecen as enfermidades. Iso foi un pouco o que me levou a querer entender que é o que está pasando no noso corpo para que estea fallando. En concreto, decanteime pola obesidade e a diabetes, porque pensaba que eran dúas enfermidades que estaban nese momento pouco estudadas. Son enfermidades moi complexas, e é importante saber que moléculas, que proteínas, que cambios, que alteracións hai no noso corpo para que se estean desenvolvendo.
Cal é a súa formación previa?
Estudei Bioloxía, fixen o doutoramento en Endocrinoloxía na Universidad de Santiago e despois estiven seis anos no Centro Nacional de Investigaciones Cardiovasculares en Madrid. O ano pasado volvín ao Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, onde estou agora liderando o meu grupo de investigación e estudando como diferentes conexións do corpo van controlar o peso corporal, a glicosa e as enfermidades.

Cales son os resultados dos que se sente máis orgullosa?
Un dos últimos que realizamos na miña etapa en Madrid, que consistía en ver como o músculo é capaz, a través da liberación dunhas proteínas, de controlar no cerebro as ganas de facer máis ou menos exercicio para motivar a moverse máis e así mellorar a diabetes ou a obesidade. Neste estudo, puiden combinar o aprendido no máster de neurociencia e o que fixera durante o doutoramento: estudando novos sinais que o cerebro podía controlar no peso corporal e complementalo co papel do músculo, intentando compaxinar todo para que o noso corpo funcione correctamente. Así, traballando con animais e voluntarios, facendo exercicio físico, vimos que se activaban estas proteínas, pero a investigación é un proceso moi longo e tardas moitos anos en conseguir ver os resultados do que estás facendo no laboratorio aplicado máis á clínica.
Como é un día na súa vida?
O bonito do noso traballo é que non hai un día igual. Cada día é diferente e van xurdindo diferentes problemas que temos que ir resolvendo. Si que temos unha hipótese, cremos que algo vai funcionar dunha forma e intentamos probalo. O problema que temos, e é o que ás veces nos custa transmitir á sociedade, é que traballamos a mellor o cerebro, o músculo, pero temos que ver en conxunto o organismo e como pequenas modificacións que facemos no laboratorio dunha proteína, dunha molécula, vai afectar ao resto do organismo. E temos que probar que estea mellorando o peso corporal, que non estea afectando ao músculo ou prexudicando ao corazón, ou ao fígado. Por iso temos que intentar ver en conxunto como están afectando. Entón todo iso vai facer que se ralentice un pouco todo este proceso.
Cales son as causas da obesidade?
A obesidade funcional ten moitas causas; de feito, moitas veces estigmatízase a unha persoa con obesidade e pensamos que está así porque quere e non é así. A mellor, xa fixo unha dieta ou exercicio, ou está con tratamentos e non consegue perder peso. Por iso, intentamos estudar o porqué esas persoas non responden a eses tratamentos. Si que é certo que a incidencia da obesidade actualmente é moi grande e no caso de España e de Galicia xa non nos escapamos desas cifras. Estamos ante outra pandemia: a obesidade infantil, que pode provocar que o sistema sanitario tamén se vexa sobrecargado. Entón, temos que intentar evitar que ese neno con obesidade chegue a converterse nun adulto con obesidade e cambiar hábitos de vida, xa que cada vez consumimos máis alimentos ultraprocesados e levamos cada vez máis unha vida sedentaria.
Muller, lucense e liderando unha investigación científica, considérase un referente para outras nenas que queiran introducirse no sector STEM?
Cando estudei Bioloxía, a maioría eramos rapazas, e á hora de facer o doutoramento, tamén. Eu creo que o problema vén, sobre todo nas carreiras STEM, cando imos medrando na nosa carreira científica. Canto máis escalas, menos mulleres hai. É a famosa ‘tubería’, unha metáfora feminista que describe como as mulleres abandonan as carreiras científicas (STEM) e de liderado a medida que ascenden. No meu caso, no Idis, tanto a directora como a directora científica son mulleres. Así que vexo que, co paso dos anos, algo vai cambiando. Pero aínda nos queda moito por facer.

É importante tamén deixarse ver.
Si, é moi importante participar en actividades de divulgación, e a nivel de Lugo, sobre todo, para que nos vexan como científicas e líderes de grupo de carne e óso. Cando eu era pequena, vía grandes científicas nos libros de texto, pero non tiña referentes que coñecera, polo que, ademais de investigar no laboratorio, é importante que saiamos de aí, divulguemos e participemos en actividades para visibilizar, que é a única forma que hai de que as nenas de agora se vexan reflectidas nun futuro. Gústame que as nenas me vexan para facerlles sentir máis próxima a ciencia. Así, poden preguntar dúbidas. É bo que saiban que, se eu podo, elas tamén e, se se equivocan, polo menos tentárono. Tamén os profesores fan unha misión importante, sobre todo antes destas charlas, nas que explican quen somos e que facemos. E, con respecto a min, cóntolles a miña traxectoria, esas dúbidas que tiven, como decidín estudar Bioloxía, e por que fun a Madrid.
No seu caso, vostede volveu a Galicia, pero son moitos os que quedan no estranxeiro.
Para min, a investigación é importante, pero a familia tamén. É importante ir a grupos e a centros de investigación bos, como no meu caso a Madrid, e incluso ir ao estranxeiro é algo que moitas veces se potencia; incluso se inculca que, para triunfar, tes que ir ao estranxeiro; e probablemente sexa unha boa saída e eu recoméndoo, pero tamén en España, a pesar dos poucos recursos que temos, facemos boa investigación. Entón, é importante transmitirlles ás novas xeracións que, a pesar de asociar a investigación con irse fóra, tamén se pode investigar en España e quedar preto da familia e dos amigos. Como dicía Margarita Salas, en España facemos milagres cos poucos recursos que temos, e hai cousas que van mellorando, aínda que está claro que é unha carreira de fondo e de obstáculos, pero moi bonita. A ciencia é o futuro do noso país.
Cales son as súas ideas de futuro?
Quero seguir un pouco no que fixen. Empecei co cerebro, as neuronas e outras rexións que poden estar controlando o noso peso e a glicosa en sangue, pero tamén me interesa como os diferentes órganos están conectados e saber se os sinais seguen constantes na graxa e como poden afectar tamén ao fígado. Así que quero seguir analizando a comunicación entre os distintos órganos e como os sinais que se mandan entre eles van favorecer que unha persoa acabe desenvolvendo obesidade ou non; e como controlan o peso corporal e a adiposidade e a glicosa en sangue. Ademais, seguirei participando en actos, porque é importante que se nos visibilice, que non quedemos nos laboratorios e que saibamos facelo, que ás veces cústanos.