Circuítos de patíns, ebikes e karts na praza Maior de Lugo para sensibilizar sobre a seguridade viaria
O programa +Xtí desenvolverá na Praza Maior, os días 17 e 18 de xullo, as xornadas de sensibilización na rúa Conducero. Está actividade ofrece unha experiencia interactiva para mozos e mozas, de 14 a 35 anos, centrada en concienciar sobre os riscos da condución baixo a influencia de drogas e alcohol. O edil de Xuxentude, Jorge Bustos, subliña que “é unha oportunidade única para educar de maneira dinámica e efectiva sobre a seguridade na condución e a importancia de evitar o consumo de drogas. Queremos promover hábitos saudables e responsables entre a nosa mocidade”.
Durante o evento, os participantes poderán gozar de circuítos de manexo de vehículos como patíns, ebikes e karts a pedais, ademais de probas de habilidades e coordinación. A xornada tamén incluirá o uso de gafas simuladoras dos efectos do alcohol, agasallos e bebidas sen alcohol para todos os asistentes. Estas actividades, que se veñen desenvolvendo nos últimos anos, tratan de sensibilizar á poboación moza preferentemente, pero tamén á veciñanza en xeral, sobre os perigos e riscos en relación coa condución e o consumo de drogas.
A dinámica de sensibilización inclúe música e a presenza de vehículos sinistrados no evento, como unha forma importante de concienciar sobre os efectos de conducir baixo a influencia das drogas ou o alcohol. Ademais, ao longo do mes de xullo, desenvolverá un amplo abano de actividades dirixidas a fomentar hábitos saudables e previr as drogodependencias. Na programación atópanse unha serie eventos deportivos e culturais ao aire libre co título ‘Estilos urbanos e deportes na rúa’, que inclúen deportes e expresións artísticas urbanas. Ademais, Aventura +Xtí ofrece actividades de aventura para mozos e mozas, promovendo a práctica deportiva e o contacto coa natureza.
Tamén se realizará un curso de ‘Iniciación á hípica e coidados básicos’, onde os participantes poderán aprender sobre equitación e o manexo de cabalos, proporcionando unha experiencia educativa e recreativa. Estas actividades están deseñadas para involucrar á mocidade e á comunidade en xeral, ofrecendo alternativas saudables e educativas ao consumo de drogas e alcol.