Ciudadanos comprométese a impulsar un plan contra o ruído
A candidata de Cs, Olga Louzao, comprometeuse a impulsar un Plan municipal contra o ruído co obxectivo de que a cidade rexistre uns parámetros aceptables antes de 2025. Esta iniciativa contempla melloras en materia de seguridade e unha nova ordenanza de contaminación acústica, xa que a actual data de 1993.
"O descanso e a tranquilidade de centos de veciños está a ser perturbado polo descontrol que existe sobre a actividade rueira na franxa de horario do lecer nocturno e na hora posterior ao peche deste. Nos últimos 4 anos non paramos de recibir queixas de distintas zonas, pero de forma especial preocúpanos Clérigos, rúa Tui ou Camiño Real. A situación e o descontento veciñal evidencia as carencias de xestión nesta materia. Por iso hoxe, Día Mundial contra o Ruído comprométome a que este asunto sexa tratado coa importancia que merece", sinalou a portavoz da formación laranxa.
"O noso plan prevé dúas medidas urxentes: por unha banda hai que realizar melloras en materia de seguridade: é preciso duplicar a dotación da Policía local de xoves a domingo en horario nocturno, incrementar as patrullas rueiras e abordar este problema de forma coordinada co resto de corpos de seguridade. Ademais queremos recuperar a Brigada de Seguridade nocturna da policía local que foi desmantelada co goberno socialista en 2004. Doutra banda é necesario avanzar na normativa municipal que permite levar a cabo un papel policial realmente efectivo e disuasorio. É necesario aprobar unha nova Ordenanza Reguladora de Contaminación Acústica e actualizar o mapa de ruído introducindo zonas de especial protección polas súas características residenciais", apuntou a edila.
"É unha auténtica vergoña que a Ordenanza municipal en vigor date do ano 1993. Nós comprometémonos a impulsar unha nova. A actual precisa ser adaptada ao Decreto 106/2015 da Xunta de Galicia sobre contaminación acústica e xa deu pé a distintas sentenzas en contra do Concello pola regulación das consideradas como zonas saturadas. Nestes últimos 4 anos non se deu nin un só paso en firme a pesar das numerosas iniciativas presentadas polo noso grupo. A actual ordenanza supón ademais un lastre á rehabilitación de edificios en varias zonas da cidade, como o centro histórico ou Recatelo e limita o desenvolvemento urbano pola falta de certeza", asegurou a alcaldable.
Zona de baixas emisións
Louzao lembrou que a directriz europea para cumprir coas zonas de baixas emisións non só refírese aos gases de efecto invernadoiro, senón que dá gran importancia á redución das emisións de ruído. "A Administración local debe actuar con determinación. A zona centro é unha das afectadas pola falta de regulación municipal. Isto supón que se xeren problemas de convivencia entre residentes e hostaleiros e que os veciños sufran abusos para os que non existe unha normativa clara que permita o seu defensa. Por iso é necesario destinar fondos europeos para o desenvolvemento das zonas de baixas emisións en implementar medidas concretas contra o ruído, non só en repavimentar rúas", concluíu.