Ciudadanos denuncia o "perigo medioambiental" do vertedoiro de Bóveda, en Lugo
Ciudadanos de Lugo levará ao vindeiro pleno municipal unha proposta na que insta ao Concello a determinar e poñerlle freo ao "impacto sobre o medio natural" da actividade que se leva a cabo na antiga canteira de Santa María de Bóveda.
O concelleiro da formación laranxa en Lugo, Juan Vidal-Pardo, di ter constancia de que, ao longo do pasado ano, "numerosos camións continuaban baleirando o seu contido cara á ladeira sen facer selección dos residuos vertidos, para logo tapalos con terra". Denuncian que no lugar se están a depositar, sen control algún, envases de plástico, residuos mesturados de construción e demolición, equipos eléctricos e electrónicos e mesmo restos de uralitas de fibrocemento-amianto. Lembran ademais que ao carón da canteira discorre un pequeno afluínte do Miño, "onde acaban por filtración todos os axentes contaminantes que se verten incontroladamente".
Ciudadanos sostén que a situación do presunto vertedoiro ilegal se mantén no tempo "polo que pode chegar a supoñer unha infracción administrativa cualificada como moi grave". De aí que no vindeiro pleno municipal instarán ao goberno local a que "deixe de mirar para outro lado e que leve a cabo todas as xestións necesarias para evitar este dano sobre o noso medio".
A formación laranxa pedirá ademais que o Concello encargue un estudo "para determinar o impacto real desa actividade sobre o medio e sobre a saúde dos veciños e veciñas".