Ciudadanos instará ao goberno a convocar o Consello Municipal de Cultura
A voceira municipal de Ciudadanos, Olga Louzao, anunciou que o seu grupo instará ao goberno local no pleno de mañá a convocar de xeito inmediato o Consello Municipal de Cultura, co fin de comezar a traballar na modificación do Regulamento para a planificación das actividades culturais para os vindeiros meses. “No mes de maio do ano 2000, en sesión plenaria, creouse un órgano de carácter consultivo e de participación democrática na programación e xestión das actividades culturais do Concello, co obxectivo de promover a cultura e de achegar a mesma a todos os niveis da vida cidadá, polo que estaba chamado a coordinar as iniciativas municipais coas de calquera particular ou entidade, tanto pública coma privada. Así aparece expresado no seu regulamento, que tamén contempla unha periodicidade trimestral das sesións deste Consello. Pero como tantos outros órganos, quedou na aprobación do seu Regulamento e da súa constitución, sen máis actividade”, asegurou a voceira da formación laranxa.
“No mes de abril de 2016, a concelleira Maite Ferreiro, defendía a creación dun Consello Municipal de Cultura e Patrimonio, que tivera como obxectivo promover actividades culturais e de defensa do patrimonio, porque consideraba naquel momento que había que "dar opción a que participen todas as persoas que teñan algo que aportar". Na súa intervención indicaba, co que estamos completamente de acordo, que neste Consello había que tratar de integrar a todo o mundo que queira e non vetar a ninguén. Sen embargo ao logo destes tres anos de mandato fixo todo o contrario. Non só non se sabe nada da modificación do Regulamento, senón que nestes anos non se convocou nin unha soa vez”, dixo.
“O valor incalculable do eido cultural na nosa cidade, con múltiples e variadas iniciativas desde distintas entidades e asociacións debe estar presente no deseño da planificación cultural. En maio de 2016 nomeáronse os representantes dos grupos municipais, para convocar dito consello co obxectivo, entre outros, de actualizar un regulamento considerado xa obsoleto”.
En marzo de 2017, aparece publicado no BOP o anuncio do trámite de consulta pública para que se poidan facer achegas por parte dos interesados acerca dos problemas a solucionar por esta norma; da necesidade e oportunidade da súa modificación; dos obxectivos a cumprir pola mesma e das posibles solucións alternativas. Sen embargo non se avanzou máis. “En xuño de 2018, a señora Ferreiro presentou varias preguntas en relación a este asunto, para saber porque non se reunira de novo o Consello desde a última reunión e para coñecer se había avances na reforma do Regulamento. A concelleira responsable de Cultura naquel momento, a señora Basadre, afirmou que non se podían levar a cabo a maioría das cuestións porque faltaba a Xefa de Sección deste departamento, polo que estaban moi limitados”, explicou.
“Desde o noso grupo municipal, consideramos a participación como piar fundamental de calquera goberno democrático. E máis no eido da cultura, onde as achegas, o debate, o seguimento, a avaliación e, por suposto, a rendición de contas acerca das políticas culturais que se deseñan para a nosa cidade, deben contar cun espazo propio coa finalidade de poñer en valor o ecosistema cultural rico e diverso que se desenvolve na nosa cidade tanto desde o ámbito cultural público como privado”, concluíu.