Ciudadanos pide a comparecencia en pleno da responsable de persoal no Concello de Lugo

LugoXa
Queren que a concelleira Paula Alvarellos renda contas ante o pleno despois da sentenza que anula o cesamento da xefa de persoal en 2020
9 Feb 2021

Ciudadanos vén de solicitar a comparecencia en pleno da responsable da área de persoal do Concello Lugo, Paula Alvarellos, despois de que unha sentenza do Xulgado contencioso-administrativo nº1 da capital declarase este luns nulo o cesamento da xefa de persoal que fora apartada do seu cargo en xaneiro de 2020, e ordenase a súa readmisión.

A formación laranxa pide que a concelleira "renda contas ante toda a corporación, ante os problemas acumulados polo área de persoal durante este mandato e culminados coa sentenza do Xulgado contencioso administrativo".

A voceira de Ciudadanos en Lugo, Olga Louzao, considera que a sentenza "pon en dúbida a rigurosidade" coa que se está xestionando a área de persoal, "cesando a unha traballadora municipal sen acreditar de modo algún este despedimento. E iso, cando previamente convocouse unha rolda de prensa para anunciar este cese. Desde Cs non compartimos nese momento as formas de tratar a unha traballadora municipal, sexan cales foran os motivos que poidan motivar o seu despedimento, que ademais se demostrou que eran meras suposicións, como recolle o fallo xudicial», apuntou.

"Este fallo é moi duro e constata a falta de obxectividade e de rigor xurídico para motivar ese cese, personificado ademais na propia concelleira responsable Paula Alvarellos, á que se lle censura a súa falta de probas, de rigor e de imparcialidade. Ao longo dos últimos meses estanse xerado dúbidas sobre a xestión de persoal, non só por este asunto senón polos continuos reparos de legalidade cos que se están pagando todos os meses as nóminas dos traballadores municipais», proseguiu Louzao.

Ciudadanos considera que a xestión de persoal é "un dos problemas enquistados" do Concello de Lugo, "e con Lara Méndez como alcaldesa empeorou". Consideran que o actual equipo de goberno "presume de tempos novos, cando o único que está facendo a responsable desta área, Paula Alvarellos, é, a duras penas, o seu traballo". Para Olga Louzao, "aprobar unha RPT pendente desde fai anos ou sacar as ofertas de emprego público non é un logro senón unha obrigación".

0.15065002441406