Ciudadanos presenta ao pleno un Plan para a inclusión da mocidade no tecido empresarial

LugoXa
Ciudadanos presenta ao pleno do xoves un Plan municipal para a inclusión da mocidade no tecido empresarial lucense
conexion ordenador mobil
21 Abr 2023

A voceira municipal de CS, Olga Louzao, anunciou que o seu grupo presentará ao pleno un Plan municipal para a inclusión da mocidade no tecido empresarial lucense. "Na última década, case 50.000 mozos e mozas marcharon da nosa comunidade.Lugo ten unha das taxas de natalidade máis baixas de todo o país. Nos últimos anos seguimos a perder poboación nova e vemos como os nosos fillos e fillas teñen que marchar para traballar. Lamentablemente, Lugo lidera todas estas estatísticas negativas a nivel galego. É necesario que a administración local se implique neste grave problema silenciado", sinalou a concelleira da formación liberal.

O paquete de medidas proposto por Louzao inclúe axudas ao emprendemento xuvenil para afrontar o pago de cotas á Seguridade Social durante os seis primeiros meses ou un plan de emprego e de formación xuvenil consensuado e pactado con empresas e institucións colaboradoras co fin de diminuír a taxa de paro xuvenil na cidade e aumentar as súas oportunidades e a súa inserción laboral, adaptando a formación á demanda laboral específica do noso tecido empresarial.

"Esta situación ten importantes consecuencias no transcurso da súa formación e posterior inserción laboral. Os datos revelan taxas máis baixas de emprego, emancipación, propiedade da vivenda, natalidade e en calidade de vida en comparación coa xeración anterior. Por iso propoñemos Crear e dotar orzamentariamente unha axuda ao aluguer para que persoas novas poidan acadar unha emancipación real en Lugo. Apostamos tamén por aumentar a súa participación nas decisións municipais elaborando do regulamento de funcionamento do Consello da Mocidade, para que sexa o máis participativo posible como así nos reclaman os nosos mozos en cada un dos encontros que mantemos cos distintos colectivos. A súa opinión debe ser fundamental. Non se pode facer políticas para a mocidade ao marxe da mocidade", proseguiu.

"Debemos desenvolver o potencial de Lugo espazo universitario, reforzando os vínculos coa USC á hora de pór en marcha iniciativas dirixidas á poboación universitaria. Como administración local, temos que ter presente que o futuro das xeracións máis novas será tamén o futuro da nosa cidade. A xuventude debe percibir e comprobar que o seu futuro nos preocupa e importa como representantes públicos e que eles poden e deben ser un dos motores de cambio e de avance na nosa cidade", concluíu Louzao.

0.17870211601257