Ciudadanos propón un paquete de medidas en materia de igualdade
A portavoz municipal de Ciudadanos, Olga Louzao, anunciou que o seu grupo remitirá ao Goberno local un paquete de medidas encamiñadas a "lograr a igualdade real e efectiva entre homes e mulleres".
Así mesmo a edil informou de que considera "fundamental que o Concello incremente as súas prestacións en materia de conciliación, nos últimos catro anos os avances en materia de igualdade foron mínimos. Quédanos un longo camiño por percorrer e o ritmo de avance é insuficiente. As iniciativas non se poden reducir a meras proclamas políticas, por iso desde o noso grupo elaboramos un documento que será remitido á alcaldesa Lara Méndez onde recollemos servizos de competencia municipal cuxa posta en marcha sería de gran axuda para mellorar a igualdade real entre homes e mulleres".
"As actuacións a nivel local son claves, as escusas sobre competencias esgrimidas unha e outra vez por Méndez non nos serven. Rexeitamos a loita entre administracións promovida por PSOE e PP", sinalou a concelleira da formación laranxa.
Dentro desta folla de roteiro inclúese medidas moi concretas como "implementar como criterio de adxudicación en todas as contratacións públicas realizadas polo Concello de Lugo a inexistencia da brecha salarial nas empresas adxudicatarias así como as medidas de conciliación laboral, familiar e profesional na adxudicación dos futuros pregos de contratación".
Desde Ciudadanos tamén propoñen "crear un sistema de atención á infancia a domicilio para facilitar a conciliación similar ao que xa teñen en funcionamento touros concellos galegos". Para Louzao é necesario "habilitar un servizo de ocioteca nos edificios de carácter social. Por iso queremos que no Centro de convivencia Interxeracional Paco Martín, no centro socio cultural de Fingoi e no Vello Cárcere se habilite este servizo de luns a venres en horario de mañá e de tarde en períodos non lectivos e fins de semana", explicou.
"Debemos conseguir que Lugo sexa un sitio mellor para formar unha familia. Por iso propoñemos a apertura dos colexios públicos fóra de horario escolar para facilitar a conciliación entre a vida familiar e profesional, como xa nos comprometemos en 2019, a conciliación é unha materia pendente para este Goberno que está a penalizar excesivamente ás mulleres traballadoras" declaran dende Ciudadanos.
"Atopámonos nunha situación de inmobilismo absoluto, mostra diso é que aínda non esteamos adheridos como institucional sistema Vio Gen a pesar de solicitalo de forma reiterada ao longo deste mandato ou que non se desenvolveu o IV Plan de Igualdade aprobado en 2021 que conta con 72 medidas e 28 obxectivos específicos que estamos moi lonxe de cumprir", concluíu a portavoz da formación laranxa.