Clausúranse en Lugo as XXII Xornadas Técnicas de Seragro cun milleiro de asistentes

LugoXa
A cita pechou dous días de conferencias nas que se abordaron os retos laborais, sanitarios e tecnolóxicos e que concluíron cun brinde simbólico en defensa do leite galego
Xornadas-técnicas-Vacún-de-Leite-Seragro-Lugo
15 Nov 2025

O auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo acolleu a segunda e última sesión das XXII Xornadas Técnicas de Seragro, un encontro no que se profundou en cuestións laborais, sanitarias e tecnolóxicas de plena actualidade para o sector lácteo galego e que reuniu ao longo de dous días máis de mil asistentes entre gandeiros, veterinarios e profesionais do ámbito técnico.

A xornada do venres arrancou coa intervención das avogadas María Jesús Asorey e Noa García, de AUSUM Abogados, que analizaron o marco laboral do sector agrario e gandeiro e insistiron en que o cumprimento da normativa é unha garantía esencial para empresarios e traballadores. De seguido, Víctor Novo, da Consellería do Medio Rural, presentou o Caderno electrónico de explotación e as obrigas ambientais asociadas, unha ferramenta considerada clave para asegurar a trazabilidade e a adaptación ás esixencias da PAC 2023-2027, incidindo na necesidade de reducir fertilizantes e emisións e de avanzar na dixitalización do control da actividade agraria.

A saúde podal centrou unha parte destacada do programa cunha dobre perspectiva. Javier Fernández, integrante do Servizo de Podoloxía de Seragro SCG, comparou dous métodos de recorte de pezuños e concluíu que as revisións semestrais diminúen un doce por cento as patoloxías respecto ao sistema por lotes e favorecen un mellor estado podal. Posteriormente, Arturo Gómez, director de I+D de Zinpro Corporation, explicou que a coxeira é unha enfermidade vinculada á transición e ao estrés das vacas en período de seca e propuxo unha política de cero coxeiras antes do parto baseada nunha nutrición adecuada, o confort e o control térmico.

O espazo dedicado á innovación tecnolóxica estivo protagonizado por Javier Bueno, profesor da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, quen reflexionou sobre a complementariedade entre tecnoloxía e intelixencia natural e destacou o avance da automatización no vacún de leite, con máis de seiscentos robots de muxido operativos en Galicia, ao tempo que defendeu que a formación do persoal é tan decisiva como a maquinaria avanzada. As experiencias prácticas das granxas completaron o programa con dúas visións contrapostas sobre a produción de forraxes: a de Carlos Liste, de Ganadería Liste en Trazo, que apostou por xestionar a colleita con maquinaria propia para garantir o control total da produción e mellorar a calidade dos cultivos, e a de Juan Carlos Lodos, de SAT Lodos e Pérez na Pastoriza, que expuxo un modelo asentado na subcontratación como vía para optimizar recursos e manter a eficiencia produtiva.

A conferencia de clausura correu a cargo de Pol Llonch, experto independente da Plataforma de Benestar Animal da Comisión Europea, quen abordou a aplicación da intelixencia artificial nas explotacións leiteiras e explicou como os sensores e algoritmos permiten anticipar enfermidades e avaliar a produtividade con varios días de marxe, aínda que advertiu que o criterio humano e a experiencia do gandeiro continúan a ser insubstituíbles. Como colofón desta edición das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro, celebrouse a media tarde do venres o tradicional brinde do leite, un manifesto simbólico a favor do consumo de lácteos e en recoñecemento ao labor dos produtores galegos.

⚙ Configurar cookies
0.11436891555786