Clausurado o obradoiro dual de emprego Salus Lugo cun investimento de 421.000 euros

LugoXa
Vinte alumnos e alumnas formáronse en atención sociosanitaria e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade
obradoiro-dual-de-emprego-Lugo
12 Sep 2025

A Xunta de Galicia clausurou o obradoiro dual de emprego Salus Lugo, financiado pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cun orzamento de 421.000 euros dentro da convocatoria de axudas a concellos para fomentar este tipo de programas formativos.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, participou no acto de entrega de diplomas ao alumnado que completou a formación. En total ofertáronse vinte prazas en dúas especialidades cunha alta demanda laboral: atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e intervención socioeducativa con persoas con discapacidade.

Arias destacou que estes obradoiros permiten que os participantes obteñan unha cualificación profesional ao tempo que desenvolven un traballo remunerado en actividades de utilidade pública ou interese social nos seus municipios. Neste caso, o alumnado prestou servizos de atención sociosanitaria a persoas dependentes nas institucións San Vicente de Paul, Aspnais e Cogami Lugo, ademais de labores de intervención socioeducativa con persoas con discapacidade nas dúas primeiras entidades.

O delegado subliñou que os obradoiros están orientados a mellorar as oportunidades laborais dos participantes, cunha formación teórica e práctica adaptada ás necesidades reais do mercado e en colaboración cos concellos. Ademais, lembrou que a modalidade dual inclúe incentivos da Xunta para a contratación dalgúns alumnos e alumnas en empresas da contorna, cunha duración mínima de tres meses a xornada completa, unha vez finalizada a actividade.

⚙ Configurar cookies
0.16461801528931