Clausurado o obradoiro dual de emprego Terras do Miño-Ulla I en Portomarín, Palas de Rei e Monterroso

LugoXa
A iniciativa, con 418.000 euros de investimento, formou vinte persoas desempregadas en xardinería e promoción turística
obradoiro-dual-emprego-Portomarín
10 Sep 2025

A Xunta de Galicia puxo fin ao obradoiro dual de emprego Terras do Miño-Ulla I, desenvolvido nos concellos de Portomarín, Palas de Rei e Monterroso. A actividade, financiada pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración cun investimento de 418.000 euros, ofreceu vinte prazas de formación teórica e práctica dirixidas a persoas desempregadas da zona.

O programa dividiuse en dúas especialidades: xardinería e promoción turística. No primeiro ámbito, realizáronse tarefas de acondicionamento e mantemento en zonas verdes como a contorna da Casa do Maior e o centro de saúde en Portomarín, a área recreativa da Peneda e a Cúpula en Monterroso, ou Os Chacotes e o mercado gandeiro en Palas de Rei, ademais doutros xardíns e prazas municipais. No módulo turístico, as accións incluíron a organización de xornadas de promoción, a creación dun blog, a sinalización de rutas e percorridos, o deseño de placas explicativas de recursos patrimoniais e a elaboración de audioguías para o Castelo de Pambre.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou no acto de entrega de diplomas ao alumnado e subliñou que estes programas ofrecen cualificación en sectores con boas perspectivas laborais, polo que permiten ás persoas participantes afrontar en mellores condicións a procura dun emprego. Ademais, recordou que a modalidade dual facilita a contratación de parte do alumnado en empresas da contorna, cunha duración mínima de tres meses a xornada completa, grazas aos incentivos concedidos polo Goberno autonómico.

⚙ Configurar cookies
0.16980695724487