Clausurado o Proxecto Troya cun recoñecemento ao talento e á inclusión sociolaboral

O Proxecto Troya pechou unha nova edición cun acto de clausura celebrado na Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE), unha iniciativa formativa destinada a mellorar a empregabilidade de persoas con síndrome de Down e discapacidade intelectual na provincia de Lugo.
O evento contou coa presenza do vicerreitor do Campus de Lugo, Francisco José Fraga; do decano de ADE, Roberto Bande; da catedrática e coordinadora do programa, María Ángeles López Cabarcos; da presidenta da Asociación Síndrome de Down de Lugo, María José Blanco Freire; e da coordinadora de voluntariado do campus lucense, Fátima Teixeiro Vázquez, que acompañaron o alumnado nesta xornada de celebración.
Neste curso participaron nove alumnos, que recibiron formación en áreas como márketing, finanzas e marca persoal, adquirindo ferramentas clave para avanzar na súa integración laboral e contribuír ao progreso económico e social da provincia.
Segundo destacou o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, o proxecto vai máis alá da aprendizaxe académica, xa que aposta pola igualdade de oportunidades, o impulso do talento e a inclusión sociolaboral. Rivera subliñou que máis da metade das persoas participantes atoparon un emprego tras completar a formación nos últimos anos, un dato que cualificou como “proba da súa eficacia na creación de oportunidades para a mocidade lucense”.
No seu discurso, Rivera Capón reivindicou o valor social do programa ao afirmar que “o Proxecto Troya lémbranos o mellor da nosa sociedade: a capacidade de crear oportunidades, de acompañar procesos e de apostar polo talento das persoas, e hoxe, por riba de todo, celebramos o esforzo das persoas que reciben o diploma. O voso traballo, a vosa disciplina e a vosa capacidade para avanzar son o corazón deste proxecto”.
O deputado felicitou á USC, á Facultade de ADE, á Asociación Síndrome de Down e ao voluntariado polo seu papel decisivo no desenvolvemento desta iniciativa.
A clausura serviu así para recoñecer o compromiso institucional e académico, pero sobre todo para poñer en valor o esforzo dos participantes, que continúan derrubando barreiras e reforzando a presenza da diversidade no mercado laboral lucense.