Clausurouse o obradoiro de emprego O Castro VIII promovido polo Concello de Ribeira de Piquín
Clausurouse o obradoiro de emprego O Castro VIII, financiado pola Consellería de Promoción de Emprego e Igualdade con 511.000 euros e promovido polo Concello de Ribeira de Piquín asociado cos de Castroverde, Pol, A Pastoriza e Riotorto.
Este taller formou a 20 persoas desempregadas durante doce meses. Doce dos alumnos traballadores participaron no módulo de Actividades auxiliares en viveiros, xardíns e centros de xardinería; e oito na especialidade de Acabados ríxidos e urbanización.
Ademais, o orzamento que destina a Xunta a esta iniciativa inclúe incentivos para contratar a cinco dos participantes en empresas da contorna para desenvolver funcións propias das modalidades impartidas.
En canto ao taller que remata, entre as obras realizadas polo módulo de xardinería destaca o mantemento de rutas de sendeirismo, áreas recreativas e camiños de Ribeira de Piquín, A Pastoriza e Riotorto. Pola súa banda, a especialidade de albanelería traballou en espazos públicos de Castroverde e Pol.