Clínica Dental Mosquera: “O trato personalizado e a busca da excelencia son o noso sinal de identidade”

Jessica Fernández
Cando e como poñen en marcha o negocio?
A clínica créaa o meu irmán, o doutor Esteban Mosquera Otero, no ano 2019. Tras rematar os estudos de Odontoloxía, complementa a súa formación cunha serie de cursos de posgrado e seminarios de distintas especialidades; e tamén co Mestrado de Cirurxía, Implantoloxía e Periodoncia. Despois, traballa en Madrid, onde se forma ademais como experto en Peritacións en Odontoloxía Legal e Forense. Á súa volta a Galicia, establécese en Lugo, incorporando a súa consulta a unha policlínica, e pasados uns anos, apoiándose nun proxecto para emprendedores da Xunta de Galicia, financiado pola Comunidade Europea, monta a súa propia clínica no barrio da Milagrosa, onde vivía. En pouco tempo consegue facerse un oco na vida dos lucenses ata que, por desgraza, falece no ano 2023 a raíz dunha enfermidade, mantendo o contacto coa súa clínica ata o último día da súa vida. Ante esta adversidade, a familia sente a necesidade de continuar co seu legado, coa intención de devolver á xente do barrio o agradecemento pola acollida dispensada e co obxectivo de desenvolver no seu nome algunha das iniciativas de tipo social que el sempre tivo en mente. Para iso, no núcleo familiar constituímos unha sociedade e incorporamos novo persoal, que foi mudando, para xunto co que el xa tiña, manter a clínica activa.

Que servizos ofrecen aos clientes?
Prestamos todo tipo de servizos odontolóxicos. Entre eles atópase a Odontoloxía preventiva e restauradora, Periodoncia, Branqueamento, Estética dental, Odontopediatría, Cirurxía, Implantoloxía, Próteses dentais e ortodoncia. E tamén tratamentos con ácido ialurónico aplicado a odontoloxía.
A parte de vostede, con que profesionais contan?
Contamos cunha directora médica, a Dra. Noelia Fernández Agudo, con ampla experiencia en Odontoloxía xeral; unha coordinadora de Clínica e hixienista dental, Carmen Varela Rodríguez; unha auxiliar dental, graduada en comunicación, que leva a relación con pacientes, Estíbaliz González López; e tres colaboradores externos: un cirurxián e implantólogo, o Dr. Ignacio Castro Alonso; unha especialista en próteses sobre implantes, a Dra. Natividad Mejuto Amboage; e unha ortodoncista, a Dra. Marta Malde Abril.

Que destacarían do trato cos clientes?
Carmen, a hixienista e coordinadora clínica, que traballou co Dr. Esteban dende un principio, foi testemuña de como trataba os seus pacientes, a quen el sentía como se fosen da súa familia mais próxima. E por sorte, o equipo co que hoxe contamos actúa do mesmo xeito. Para nós non existen clientes, son pacientes que se nos achegan para facernos partícipes dalgunha doenza, problema ou inquedanza, e os nosos profesionais van facer todo o que estea nas súas mans para darlles unha resposta axeitada, clara e concisa; dispensándolles o tratamento menos agresivo, ao mellor prezo posible e axustado as posibilidades de cada quen. Razón pola que, na súa grande maioría, a relación acaba sendo de amizade.
Se é común ter medo a ir ao dentista, por que non debería acontecer ao ir á súa clínica?
Hoxe en día, os profesionais están moi ben formados, e a tecnoloxía e os tratamentos avanzaron moitísimo, polo que podemos acudir ao dentista con total tranquilidade. De tódolos xeitos, a esas persoas que sintan un pouco de desacougo, dicirlles que nos pidan cita e comprobarán que nada máis poñerse nas mans das nosas profesionais, esa sensación esvaécese por completo. A mellor mostra está nas crianzas, que asisten á nosa clínica encantadas, pois saben que as tratan fenomenal, e Estíbaliz sempre lles ten algún agarimo.
Que destacarían das súas instalacións?
Están moi ben situadas, son modernas, cómodas e funcionais. Apréciase que foron pensadas e deseñadas por alguén que puxo todo o seu empeño en vivir para a súa clínica e os seus pacientes.
E das ferramentas ou equipos que empregan?
Nós dispoñemos das aplicacións dixitais e do equipamento máis avanzado do mercado. Por citar algo, a Unidade de Radioloxía en 3D para a realización de TACS e Panorámicas e o escáner intraoral, tamén dixital, que fai mais cómoda para o paciente a toma de medicións na boca. Tamén, as modernas aplicacións, tanto no ámbito da Xestión da clínica, como no campo da cirurxía e implantoloxía, ou da ortodoncia. Sen esquecernos de que traballamos sempre con materiais de primeira calidade.
Que lles diferencia doutras clínicas dentais?
O trato personalizado e a empatía co paciente; así como a mellora continua e a busca da excelencia a un prezo axeitado. Este e o espírito co que naceu esta clínica e mantense como sinal de identidade. Neste senso, cada novo caso, vai ser o máis importante para a clínica, con independencia do custo do seu tratamento.
Cales son os proxectos de futuro na clínica con respecto aos avances no sector?
Os avances en Odontoloxía, ao igual que noutras áreas da saúde, están á orde do día. De aí a importancia de contar con persoal con inquietude por incorporar ao seu labor diario novas ferramentas, tratamentos e avances tecnolóxicos, incluídos aqueles propiciados pola intelixencia artificial, que estamos seguindo moi de preto, e que se prevé ir incorporando a medida que estean debidamente contrastados. Tamén temos previsto poñer en funcionamento a curto prazo o equipo de sedación consciente con óxido nitroso, que xa usaba meu irmán, o doutor Esteban, e para o que a nova directora médica, Noelia Fernández Agudo, conta coa formación axeitada.
Agradecementos.
Queremos agradecer a todos os que nos acompañaron nesta dura travesía, tanto durante a convalecencia do doutor Esteban, como despois do seu falecemento; co recoñecemento expreso para o doutor Ramón Soilán, persoa que engrandece a profesión, e a quen lle estaremos eternamente agradecidos; e á doutora Eva Díaz López, excelente profesional e mellor persoa, quen tamén nos foi de grande axuda.