Club Clicista Cidade de Lugo: “Queremos renacer: un novo comezo para darlle impulso ao club"

Jessica Fernández
A aposta polo deporte e o ciclismo en Lugo nace nas entrañas do Club Ciclista Cidade de Lugo, que xorde no ano 2000 e celebra agora os seus 25 anos de vida. Da man dun grupo de amigos de Lugo encabezados por Eugenio Paz que quixeron promover o coñecemento e o ciclismo na cidade, esta entidade deportiva comezou a súa actividade, medrando pouco a pouco e formando non só un equipo de ciclistas, senón tamén unha escola municipal de ciclismo para os máis pequenos.
Co paso dos anos, foi aumentando, ata contar cun equipo de elite do máis alto nivel que participou na Copa España con grandes corredores como Jose Antonio Cerezo, Alejandro Paleo, Nelson Oliveira, Gustavo Rodríguez ou Juan Mourón. Ademais, desde o Club Ciclista Cidade de Lugo organizaron e seguen a organizar cada ano dous eventos importantes, non só para Lugo, senón para toda a provincia, como son a Volta a Lugo Elite, que pasou a ser Volta ás Comarcas de Lugo e que agora se mantén como Ancares Cycling Marathon, na súa quinta edición, e o Gran Premio Ciclista San Froilán, que este ano celebra a súa 23ª edición.
Tamén contaron con grandes deportistas do ciclismo, así como con importantes apoios institucionais. Porén, toda etapa de auxe tamén ten a súa caída, e iso foi o que lle ocorreu ao Club Ciclista Cidade de Lugo, coincidindo esta caída coa pandemia da covid e, posteriormente, cun incidente na Ancares Cycling Marathon, no que Santi Seijas foi atropelado, o que fixo que o club perdera ánimos.
Con todo, despois duns anos, e coincidindo co 25 aniversario, desde o Club Ciclista Cidade de Lugo queren darlle un novo pulo á entidade deportiva coa celebración, para comezar, dun acto conmemorativo este sábado, 6 de xuño, ás 11.30 horas no Vello Cárcere. “Falamos dun renacemento, de volver continuar coa mesma filosofía do pasado, pero temos que volver empezar”, explican desde a directiva. Así, o seu obxectivo é “ir pouco a pouco, sumando corredores e xente para facer masa social, e despois que veña o que teña que vir. Non somos un club con aires de grandeza, simplemente temos a intención de retomalo e de ir pouco a pouco, sen o obxectivo de volver ter un equipo como o que tivemos no seu momento; senón de traballar duro polo ciclismo en Lugo, porque consideramos que somos o club da cidade; e estamos para a cidade”.
Ademais, destacan que “estamos seguros de que, co apoio das institucións e entidades privadas, poderemos volver ter un club competitivo”. Porque, sosteñen, “temos a sorte de contar co apoio da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo e o Concello, que poñerán da súa parte para relanzar o noso club. Todos tiñamos gañas de que isto continuase”, afirman.
OS OBXECTIVOS
“O noso obxectivo é sacar aos nenos do sedentarismo e darlles a opción de practicar ciclismo aos cidadáns de Lugo, porque é un deporte que amamos, que nos gusta, polo que queremos poñelo en valor”. Así, respecto dos beneficios do ciclismo, desde o Club Ciclista Cidade de Lugo subliñan que é un deporte “excelente a nivel de mobilidade, de saúde, de todo, xa que non dana os xeonllos, pódese gozar en familia… E, se algúns chegan a ser moi bos, intentaremos conseguir apoio suficiente para darlles a oportunidade de competir no que a cidade demande. Se temos catro nenos, pois iremos con catro nenos o que poidamos. E se eses catro nenos se converten en 40, pois algún sairá un pouco bo. E se hai moitos bos, pois haberá que darlles cada vez máis espazo. Pero tamén depende un pouco de como vaian medrando”, comentan.
Por iso, o obxectivo fundamental é que o club floreza e “tire cara arriba”, e o primeiro paso é “darnos a coñecer”, polo que o 6 de xuño a partir das 20:00 horas será “o momento perfecto para agrupar socios, simpatizantes e persoas vencelladas ao ciclismo e presentar os novos retos de futuro e render homenaxe a todas as persoas que teñen formado e forman parte deste proxecto deportivo. Ao final son 25 anos de historia. Hai moita xente que pasou por aquí, corredores de moitos niveis. Hai moita xente implicada no club e queremos facer un pequeno recordo destes 25 anos e recoñecer a toda esta xente que se sentiu parte do club, porque son parte do club. Para nós o maior patrimonio do club son os corredores e a xente que está nel. Polo tanto, queremos agradecerlle a toda esta xente todos estes anos e recordalos un pouquiño a todos”.
O FUTURO
Respecto ao futuro, din que “non queremos adiantar demasiado, pero temos obxectivos en mente e novas actividades que queremos promover, ademais da Ancares Cycling Marathon e o Gran Premio Ciclista San Froilán. Queremos incluso chegar a outras disciplinas, pero ir medrando pouco a pouco. Ademais, queremos facer ver que somos un club aberto, polo que nos presentaremos o 6 de xuño, aproveitando a celebración dos 25 anos, e mostraremos que facilitaremos o acceso a todo o mundo, dándolle a benvida a novos membros e novos corredores”, salientan desde o Club Ciclista Cidade de Lugo.
Tamén din que “para nós, os valores máis importantes a transmitir ás persoas que se unan ao noso club son aqueles relacionados co esforzo, o sacrificio e a loita, xa que os mellores non son os que gañan, senón os que non se renden, non só os que pagan. Por iso, arredor do 2009-2010, tivemos corredores excelentes como Jose Antonio Cerezo, Alejandro Paleo, Mourón, Gustavo Rodríguez, Nelson Oliveira… foron grandes corredores que tiveron grandes éxitos. Pero tampouco me podo esquecer de Sinda Rodríguez, que foi campioa galega en 2017 de Contrarreloxo e Ruta; Manu Barral, Miguel Villanueva, Alejandro Crende, Abner Gonzalez… foron moitísimos corredores moi bos, pero, sobre todo, para nós o maior éxito foi crear unha escola de corredores”, conclúen.