Club Cultural Valle-Inclán, seis décadas dinamizando a vida cultural de Lugo

LugoXa
Tonina Gay pon en valor o traballo desenvolvido nestes 60 anos por todas as persoas ligadas ao Club Cultural Valle Inclán en Lugo
Tonina-Gay-Asociación-Valle-Inclán
12 Apr 2026

Jessica Fernández

O Club Cultural Valle-Inclán celebra seis décadas de actividade cultural continua, converténdose nun referente da vida artística e social da cidade. A súa historia nace ao abeiro da Lei de 24 de decembro de 1964, que regulaba a constitución de asociacións, e formalizouse o 19 de febreiro de 1966 coa inscrición no Rexistro Provincial de Asociacións co número 16 e no Rexistro Nacional co número 960. Segundo os documentos conservados no arquivo do club, o 13 de febreiro de 1966 media ducia de persoas reuníronse para estudar a posibilidade de crear unha sociedade cultural en Lugo, redactando uns estatutos que foron aprobados pola Administración. Entre eles destacaba Valentín Roldán, afamado fotógrafo, como primeiro promotor.

A primeira actividade do club foi a proxección do filme Les parapluies de Cherbourg, de Jacques Demy, no Cine España o 4 de marzo de 1966, ano en que se celebraba o centenario do nacemento de don Ramón María del Valle-Inclán, e foi entón cando os fundadores decidiron que a nova entidade levaría o seu nome. O primeiro presidente foi Julio Ulloa Vence, mentres que o socio número un foi Celestino Fernández de la Vega, seguido pola súa dona, Mª Luísa Maceda. O seguinte presidente foi José Otero Novas, despois Benxamín Casal Vila, logo Ovidio Vázquez Rodríguez, Carlos Varela Veiga, Camilo Gómez Torres, Francisco Arrizado Yáñez, Carme Vázquez Vázquez, Xerardo Pardo de Vera e Tonina Gay, a que continúa a día de hoxe.

Obxectivos

Desde o principio, o Club Cultural Valle-Inclán fixo explícito o seu compromiso co fomento da cultura. Segundo os estatutos fundacionais, “a finalidade desta asociación é o fomento e impulso de toda actividade cultural”. Estes documentos incluían a realización de actividades de cine-club, teatro, música e calquera outra que tivera interese efectivo para os fins sinalados. Sesenta anos despois, estas ideas seguen vixentes, aínda que naquel momento non puideron engadir explicitamente a defensa e potenciación da cultura galega e a promoción do idioma galego como parte substancial desta.

Hoxe, o club continúa coa súa misión de dinamizador cultural e social, aberto a todas as persoas que desexen participar activamente mediante a inscrición como socios, e colaborando con entidades privadas e institucións públicas en proxectos pensados para Lugo e a súa cidadanía. Desde a súa fundación, arredor de 4.000 lucenses pasaron polas súas filas.

Desde o colectivo sosteñen que “sempre buscamos que o Valle-Inclán non sexa só un cineclube ou un teatro, senón un espazo de encontro e intercambio cultural. Queremos que Lugo teña un lugar onde a cultura se viva de forma activa e aberta a todos”.

Evolución

A primeira etapa do club mantivo programación estable nos cines lucenses España, Kursal, Victoria, Central Cinema e Gran Teatro, todos desaparecidos na actualidade. O cinema e o teatro foron sempre o eixo da actividade, pero rapidamente ampliouse o campo á difusión cultural, recuperación e defensa da lingua galega, e á organización de eventos musicais, literarios e socioculturais.

Entre as iniciativas pioneiras, destaca a celebración da primeira misa en galego, promovida o 17 de maio de 1967. Durante os anos setenta, o club centrouse no teatro, achegando a Lugo agrupacións de vangarda. En 1977, Carlos Varela Veiga elaborou un anteproxecto de estatutos para a futura Federación de Cineclubes de Galicia, consolidada en 1984. A música tamén tivo un papel relevante, con eventos como o Festival do movemento da canción galega, no que participaron Antón Seoane, Emilio Cao, Jei Noguerol, Miro Casabella, Rodrigo Romaní, Xurxo Mares e Xosé Manuel, así como Galicia canta ao Neno, con Fuxan os Ventos.

Logo dun período de certa inactividade, o club renaceu con forza en 1994 baixo a presidencia de Xerardo Pardo de Vera Díaz e de Tonina Gay Parga. Desde entón, o Cineclube Valle-Inclán ampliou e diversificou as súas actividades, abordando temas de historia, patrimonio, literatura, teatro, música, medio ambiente, economía, socioloxía, saúde e educación, sempre tentando harmonizar a programación cinematográfica, actividade que nunca abandonou por completo.

O reto é manter viva a esencia do club adaptándonos aos tempos. Hoxe as novas tecnoloxías permítennos estar presentes na rede, ofrecendo información puntual e actualizada sobre todas as actividades, co fin de chegar a máis persoas e consolidar a comunidade cultural lucense.

Reivindicacións

Nos primeros tempos, ao colectivo lle preocupaban as centrais nucleares –como a proxectada para Xove-, os problemas da Galicia rural, os montes veciñais en man común, a emigración e a industrialización en Galicia, a Seguridade Social Agraria, así como o ensino e a normalización da lingua galega, temas todos eles analizados e debatidos por especialistas que convocaban a unha numerosa e interesada audiencia.

Nesta última etapa pódense destacar tamén diversas reivindicacións e manifestos: Por unha cidade viva, a defensa do desaparecido Gran Teatro e do Cuartel de San Fernando, a proposta para Cronista Oficial da Cidade, así como o traballo a prol do recoñecemento pola UNESCO da Muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade.

O cine e as viaxes

Desde o 4 de marzo de 1966, o Club Cultural Valle-Inclán programou cine co obxectivo de valorar o cinema como forma de expresión artística, fomentar e difundir a cultura cinematográfica, e seleccionar obras nas que os valores artísticos, culturais e sociais primen sobre o feito comercial. A entidade comprométese a proxectar filmes de todo tipo, desde clásicos a tendencias contemporáneas inéditas na carteleira local, planificando ciclos de nacionalidades diversas que acheguen outras culturas á cidadanía.

Ademais, o club acompaña cada proxección con fichas, folletos e follas de sala para apoiar o significado e valor das exhibicións, e organiza actividades complementarias como conferencias, debates e “leccións de cine”. O Valle-Inclán é membro da Federación de Cineclubes de Galicia e mantén contactos e colaboracións con varias embaixadas e entidades no eido da “sétima arte”, consolidando a súa presenza no panorama cinematográfico galego.

Outra parte fundamental da programación do Valle-Inclán son as viaxes culturais, que fomentan a convivencia e o diálogo entre os asociados e están plenamente xustificadas polos fins estatutarios, que inclúen o interese polo coñecemento do patrimonio cultural do contorno. Dende 1995, o club organiza saídas en autocar e visitas a pé, que suman xa preto de duascentas, dentro da cidade, a provincia de Lugo, por toda Galicia e mesmo outras zonas de España e Portugal, como Asturias, Cantabria, País Vasco, Castela e León, norte e centro de Portugal, e París.

Porén, a presidenta recoñece que “resulta difícil resumir ou destacar actividades que se recollen nun libro de arredor de 300 páxinas, neste momento no proceso de maquetación e edición ‘Historia do Valle-Inclán’, escrita polo historiador Antonio Prado Gómez.

Necesidades e futuro

A pesar dos éxitos acumulados, Gay recoñece que aínda existen desafíos: “Creo que se limita á cuestión económica, se podería mellorar co aumento do número de socios. Ao longo de 60 anos tivemos numerosos escenarios para desenvolver a actividade, hoxe utilizamos a Casa do Saber (USC), o salón de actos da Deputación Provincial e o Centro Cultural O Vello Cárcere”.

Entre os proxectos inmediatos figura seguir coas pautas establecidas ao longo destes sesenta anos, adaptándose á evolución da sociedade, mantendo sempre como eixo central a promoción cultural en Lugo e procurando implicar á maior cantidade posible de persoas.

Ao longo de seis décadas, o Club Cultural Valle-Inclán consolidouse como un dos referentes da vida cultural de Lugo, cunha traxectoria que combina memoria histórica, innovación e un compromiso firme coa educación e a formación permanente dos seus socios. O cinema, o teatro, a música, a literatura e as viaxes culturais convértense nunha experiencia que integra ocio, coñecemento e identidade local.

Tonina Gay conclúe que o proxecto de futuro é “seguir as pautas que nos marcaron estes sesenta anos e segundo nos vaia marcando á evolución da sociedade. Sempre pensando en Lugo”.

0.13389897346497