Club Escola Lucense de Tiro con Arco: “A práctica do tiro con arco axúdache a mellorar na vida”

LugoXa
Fon Villamiel, arqueiro, adestrador e presidente do Club, e Tamara Reigada, que forma parte do equipo técnico e é monitora de tiro con arco, explican os valores que se fomentan a través desta actividade deportiva
Club-Lucense-Tiro-con-Arco-Tamara-e-Fon
12 Feb 2025

Jessica Fernández

O Club Escola Lucense Tiro con Arco nace no ano 2008 como unha “necesidade imperiosa por ter na cidade unha escola que formara nenos e nenas no deporte do tiro con arco”, explica o presidente, Fon Villamiel, “despois de moitos anos de camiño”. Así, explica que el empezou a tirar no ano 1992, pero non foi ata o 1995 cando empezou a formar parte do Club Lucus Augusti, “que foi un dos primeiros clubs de tiro de Galicia”, destaca.

“Cando a directiva me permitiu formar parte como socio, empecei a participar en actividades de promoción, fíxenme adestrador e pola época de Jose Luis Díaz Grandío, concelleiro de Lugo, este abriunos a porta ao tiro con arco para ser escola deportiva co soporte do Club Lucus Augusti. Tivemos moito éxito e fixemos actividades desde o Concello de Lugo, como actividades nocturnas de ocio e de práctica deportiva para darlle unha opción a xuventude, xa que a xente o demandaba. Porén, o éxito da Escola chocou coa idea da directiva do Lucus Augusti de ampliar o club, polo que se creou outro club, o Arco Muralla, como alternativa para competir e asociarse. Logo, aos 3 anos de ter implantado a Escola, comunicáronme que había que pechala e eu negueime, entón aí xorde a idea de crear outro club que dera posibilidade de Escola e nace o Club Escola Lucense Tiro con Arco no 2008”, explica o presidente.

A partir de aí, “fomos facendo camiño con actividades en colexios de promoción e difusión pola cidade e tamén pola provincia, nos lugares onde se nos demandou”, comenta. Na actualidade, ademais de impartir tres días de clase pola tarde de dúas horas cada sesión: os luns, mércores e xoves, nunha galería municipal no parque da Milagrosa para poder practicar tiro en sala, tamén participan en torneos que van facendo que sumen puntos para poder participar no campionato galego que, á súa vez, tamén suma puntos para o nacional. Ademais, destacan que este club é o único que compite en Lugo, xa que, a pesar de haber outros tres (Club Lucus Augusti, o Arco Muralla e o Club Campus Arco; que comparten espazo na galería municipal), deses só hai unha persoa do Arco Muralla que tamén compite, pero a canteira está no Club Escola Lucense Tiro con Arco, onde contamos con nenos de entre 9 anos e ata 71. “Se non traballas a canteira nunha escola é moi difícil que se manteña un club”, subliñan.

OS VALORES DO CLUB

Para o presidente do Club, o máis importante na práctica do tiro con arco é “a responsabilidade. Queremos que as persoas que veñan, teñan a idade que teñan, sexan autónomas. Aprendémoslles a que monten e desmonten o seu arco, que verifiquen que é seguro, que saiban revisar o seu material e identificar se está en mal estado... Ás veces, dinnos que somos estritos, pero o que somos é seguros. De feito, o tiro con arco é dos deportes máis seguros que hai e para os pais preocupados pola seguridade dos seus fillos sempre lles ofrecemos que, cando traen aos nenos a probar, que queden eles tamén para ver o que facemos aquí”, explica. Por iso, un adestramento comeza coa técnica, practicando a puntaría, pero “non vas chegar aquí e vas lanzar frechas, e temos todo moi estruturado; ninguén pode disparar sen que unha persoa responsable permita que se faga, e todos imos recoller as frechas á vez, nunca mentres outros tiran. Ademais, como dicía antes, o máis importante é a responsabilidade, polo que todos estamos pendentes de todo, que cada persoa sexa responsable de si mesmo e do seu entorno”, destaca.

Outro dos valores que se transmiten na escola é a escoita: “Ao igual que no fútbol o árbitro pita, aquí, se hai un erro, paramos e explicámolo, porque é a maneira de que entendan que a seguridade é a prioridade”. E tamén poñen en valor o sacrificio: “Para crecer e mellorar hai que ter esa capacidade de querer sacrificarte para ti mesmo, para darte máis valor como persoa. É importante esforzarse, e iso transmítese no tiro con arco: ninguén practica tiro con arco se non quere mellorar, e ese é o obxectivo; dá igual canto che custe e o que tardes; o máis importante é desfrutar do camiño de mellorar”, sostén Fon.

Así, critica que “hoxe queremos todo moi inmediato, se non tiro ben en 15 días, non é o meu. E se non es enxeñeiro en 15 días, non vales ou que? A resiliencia é unha palabra de vida, aquí gaña quen resiste e gañas por ti. E, despois, a min dáme pena que as familias pensen que os nenos só triunfan se están enriba do caixón e aí só hai 3 postos, pero tamén hai que ver que foron mellorando no camiño. É importante tamén que se relacionen cos demais. Ás veces os nenos chegan con timidez e sen poder relacionarse e van cambiando e avanzando. Xa non se poñen nerviosos nunha liña de tiro, aínda que sintan responsabilidade do resultado, deixan de agoniarse co paso do tempo, aguantan como na vida. E cada un ten o seu ritmo, non todos imos ao mesmo. O que está claro é que para chegar a un alto nivel en calquera deporte e materia necesitas anos de preparación”, apunta Tamara.

Por outra banda, outro dos valores que se transmiten é o da integración e a inclusión, xa que no tiro con arco participan persoas con discapacidade visual, móbil, intelectual... “Aquí pode vir calquera, aínda que hai que adestrar individualmente primeiro para que se adapte ao ritmo do deporte, que require unha destreza, así como para adaptarse aos espazos no caso de vir cunha cadeira de rodas, porque temos o sitio limitado. Pero despois pode integrarse no grupo e moverse polo espazo cos demais. Nós permitimos a plena integración das persoas con discapacidade, xa que hai xente competindo a nivel internacional con características especiais”, explican.

Con todo, din que o enfoque máis importante do tiro con arco é que é un camiño de vida: tes que aceptar a túa realidade en cada momento, as diferentes etapas da túa vida. Que hoxe non saibas tirar non significa que non poidas facelo no futuro, podes ir aprendendo e se estás cunha arqueira experimentada podes aprender ben, pero non te podes poñer ao ser nivel. Hai que ser realistas, é unha habilidade complicada e tes que ter o teu tempo, a túa experiencia… E, sobre todo, é un deporte moi claro: a diana diche sempre a verdade. Aquí o moi ben xa o ves, e, se non, hai que seguir traballando. Por iso, non todo o mundo vale, xa que hai falta de capacidade de sacrificio. En 15 días aprendes o que aprendes en 15 días. Por moito que un carpinteiro escriba un libro, ti non aprendes de súpeto. Todo é resiliencia, capacidade de sacrificio e de esforzo, e iso cústanos moito transmitilo”, subliñan.

AS NECESIDADES

Entre as necesidades do club, destacan a falta de financiamento, xa que “ao principio había máis axudas e podiamos facer máis actividades, mentres que hoxe é máis complexo e máis neste caso, nos deportes minoritarios, xa que está todo enfocado aos deportes de masas. É difícil solicitar axudas para logo xustificalas porque non temos calendario oficial ata mediados de setembro, xa que a nosa tempada vai do 1 de outubro ao 30 de setembro, entón a mediados de setembro lanza a Federación o calendario e non podemos adherirnos ás axudas. Necesitariamos liñas de financiamento para deportes minoritarios e abertas, porque non sabemos onde se van celebrar os diferentes campionatos”, explican.

Con todo, non cren que a culpa sexa da Federación Nacional de Tiro con Arco, poñen o énfase nas institucións, criticando que “non hai ningunha galería de sala oficial en toda Galicia nin ningún campo dedicado ao tiro con arco en Galicia, tendo en conta que temos dous arqueiros de tiro con arco en Galicia. Nós cremos que hai moita falta de sensibilidade oficial por parte da Xunta e por parte das Deputacións Provinciais, porque deberiamos ter un campo en cada provincia para que os clubs puideramos desprazarnos e facer actividades. Hai un campo de fútbol en cada aldea, aínda que só se celebre un partido cada 6 anos, e en Lugo hai un montón de campos infrautilizados que nin se adecúan nin se melloran. Pero nós temos a necesidade dun sitio así ao aire libre porque a galería válenos para practicar a tempada de sala, como practicamos un tiro de 90 metros ao aire libre nunha galería de 30 metros? E non só pola distancia; hai que practicar tirar con vento, con chuvia…”, denuncia a adestradora.

No caso do Club Escola Lucense Tiro con Arco din que lles gustaría organizar máis actividades, pero non poden porque “non hai un espazo conveniente, sempre estamos de prestado nos locais que nos cede o Concello, pero debería haber outra opción. Para nós, a nosa sala é unha bendición, porque e un dos únicos sitios de España onde hai unha galería de competición específica de tiro con arco, pero o aforo é pequeno; só podemos poñer 5 parapetos e só poden tirar 10 persoas á vez, o que é unha limitación grande; e non hai vontade porque haxa outra galería, polo que, ademais, está compartida cos outros clubs de tiro”,  sosteñen.

0.13737392425537