Club Lugokan: “Levamos 16 anos dando clases de judo e un grupo coma este é complicado que se repita”
Diego Álvarez é o director técnico do club, que botou a andar no ano 2020, aínda que suma xa unhas 150 licencias e move todas as categorías. Apostan por un deporte, non de todo recoñecido, co que se fomentan valores como o compañeirismo, a autonomía e o respecto
Por Lucía Blanco
Comezaron no 2020, en plena pandemia, tempada que supuxo tamén unha ruína para os deportes de loita, pero iso non os freou e o Lugokan xa se posiciona como un club referente do judo na provincia. “Cando arrancamos estivemos adestrando sen contacto e centrándonos na preparación física e na técnica e tiramos para adiante cun grupiño duns 40 rapaces porque antes pertencíamos ao Judo Muralla”. Xunto con seu irmán, Diego Álvarez tiña a necesidade de darlles unha saída como club aos nenos que adestraban nas actividades extraescolares, pero non foi sinxelo.
“Agora temos sobre 150 licencias, pero volver a recuperar todo despois da covid foi complicado porque a maioría fóronse para atletismo e para deportes individuais sen contacto”. Estes dous mozos asumen todo o peso do club, polo que están intentando que os rapaces se formen e tomen os cursos de adestrador para facer máis base. “Levamos as extraescolares do colexio das Gándaras, das Mercedes, temos as clases do club en Lugo, que as damos no ximnasio do colexio das Gándaras e damos tamén no de Nadela e no concello de Becerreá, onde adestramos a pequenos e maiores”. Moven todas as categorías “desde os tres aniños ata veteranos adultos que se uniron ao proxecto, que fixeron judo fai anos e outros que empezaron de cero”.
Compaxinar a rutina diaria co seu labor no Lugokan non resulta sinxelo, recoñece este graduado en INEF. “Hai que aproveitar moito as horas e, sobre todo ás noites, cando chegamos dos adestramentos, intentamos planificalos. Os que temos no grupo de tecnificación, os infantís e os cadetes, xa comezan a necesitar un pouco de preparación física e técnica e intento levárllela para aforrarlles uns cartos aos pais e que os poidan dedicar ás saídas”.
Precisamente, o hándicap con respecto ao resto de deportes, por exemplo o fútbol sala, é que “compiten aquí na cidade ou preto dela e as saídas pódeas asumir o club, pero nós temos cero patrocinadores e só contamos coas axudas do Concello, Deputación e Xunta”. Pero iso non se nota a nivel de resultados. Nas últimas competicións, lograron 6 medallas no XIX Trofeo de Judo Cidade de Lugo, 9 na Liga de Judo Concello de Oleiros na categoría infantil e cadete, un ouro na Copa de España A Infantil de Galicia e un bronce no Campionato de España Escolar. Uns recoñecementos que están a amosar o bo traballo, pero que aínda saben a pouco: “Estamos satisfeitos, pero pensamos que temos capacidade para máis”.
Fomentar o compañeirismo e a autonomía
De feito, esperan clasificar dous cadetes no Campionato de España Escolar e teñen un grupo de alevíns que se encontra, a nivel autonómico, entre os mellores. “Temos unha rapaza e un rapaz con claras opcións, se nada se torce, de conseguir unha medalla no Campionato de España para o ano. Levamos uns 16 anos dando clases a nenos e un grupo coma o que temos agora de base, coma os de primeiro ano de infantil e os de dous anos de alevín, é moi complicado que o volvamos repetir no club”, conta.
Polo momento, o obxectivo está máis que claro: “Apoiar esas xeracións e ver ata onde chegamos”. E tamén continuar poñendo en valor e difundindo o judo na comunidade e na provincia, onde se rexistran uns 700 federados e 5 clubs. “Temos moita marxe de mellora porque non somos un deporte de todo recoñecido e a sociedade vincúlao coa agresividade e é todo o contrario. En judo nunca se ven faltas de respecto polo rival, nin desde a grada”.
Precisamente, o primeiro que fan nesta disciplina é traballar a nivel educativo: “Fomentamos o respecto polos compañeiros, polo profesor e polos demais e intentamos que vaian adquirindo hábitos de vida, que sexan capaces de colocar as súas cousas ou que teñan orde”. Deste xeito, pretenden que os valores de compañeirismo vaian implícitos coa práctica. “Cando empezamos as extraescolares e nos chega un neno de 3 anos o máis importante é que aprenda a vestirse só ou que os maiores axuden aos máis pequenos se teñen algunha dificultade”.
Por iso, Diego, que é mestre de educación física, asegura que se trata do mellor deporte tanto “a nivel coordinativo porque é brutal como a nivel valores, xa que ten unha capacidade tremenda”. E recomenda probar. “A nosa experiencia dinos que é moi raro que un neno que probe non se quede porque lle acaba collendo o gusto e porque os pais ven como traballamos e os valores que se aprenden e é o queren para os seus fillos”.