Club Petanca Lugo: “A petanca é un deporte moi divertido, pero en Lugo necesitamos un espazo cuberto”

LugoXa
Ilduara Montero Vázquez, presidenta do Club Petanca Lugo, pon en valor este deporte e expresa a única necesidade do club para cumprir o obxectivo: seguir atraendo xente
Club-Petanca-Lugo
28 May 2025

Jessica Fernández

O Club Petanca Lugo mantén a súa actividade en favor do deporte minoritario desde 2017, cando uns amigos se xuntaron en Frigsa para comezar a xogar. Así, 8 anos despois continúan a súa andaina, tendo 16 persoas federadas e moitas outras que se animan a xogar a este “serio, pero divertido deporte”, tal e como sostén a súa presidenta, Ilduara Montero Vázquez.

“O máis bonito deste deporte é que é moi familiar e interxeracional, xa que hai nenos desde os 6 anos ata maiores de 80 e moitos anos. A xente pensa que este é un deporte de avós, pero nós xa sumamos catro xuvenís, ademais de contar con persoas de 20 e moitos anos, así como de todas as idades. E é moi bonito ver como veñen avós, pais e fillos a xogar. Concretamente, na miña familia xogamos todos: eu, o meu marido e o meu fillo, que está competindo agora na parte sur de Galicia, onde están as ligas de maior nivel”, explica.

Así, comenta que eles están integrados na Liga Galega da zona norte, que só ten segunda división, pero “no sur de Galicia hai primeira división e división de honra. Nesas dúas temos a dous dos nosos xuvenís, que formaron parte da canteira do Club Petanca Lugo, o que para nós é un orgullo”, destaca. Ademais, a Selección Galega de Petanca ofrece adestramentos semanais con clases específicas de técnicos aos xuvenís de toda Galicia que se animan a apostar por este deporte, o que Montero valora moito.

Na zona norte tampouco contan cunha liga feminina, como si existe na zona sur de Galicia, así como tamén se creou unha liga mixta de dupleta, polo que na zona norte as mulleres están integradas na liga masculina, “na que permiten xogar a unha muller en cada tripleta”, explica Ilduara, que di que “é o mesmo xogar con homes que con mulleres, aínda que si é certo que hai moitas mulleres que prefiren xogar só con mulleres e incluso hai algunha que lle dá mil voltas aos homes”, comenta.

Pero, para quen aínda non saiba en que consiste este deporte, Ilduara llo explica: “A petanca é un deporte de estratexia, como pode ser o xadrez. Temos un boliche, que é unha bóla pequena que se tira ao terreo de xogo, que adoita ser de area ou grava, e logo cunhas bólas máis grandes tes que tiralas para que queden o máis preto posible dese boliche. Parece sinxelo, pero tes que pensar que xogas contra outra persoa ou equipo que vai intentar que a súa bóla quede máis preto do boliche ou incluso mover a túa bola para que perdas. Pódese xogar de maneira individual, por dupletas (parellas) ou tripletas, que son equipos de tres persoas. Na liga e nos campionatos normalmente se xoga por tripletas e repártense seis bólas, polo que cada xogador ten dúas bólas para conseguir que a bóla quede o máis preto posible do boliche”.

OS BENEFICIOS DESTE DEPORTE

O deporte da petanca, tal e como sostén Ilduara, é moi competitivo e serio, durante as competicións, pero moi divertido no día a día; xa que “compartes espazo e tempo con persoas coas que fas amizade e ata se converten en familia. Pasamos moitas horas xogando á petanca porque hai que pensar, reflexionar e calcular con que forza e cara a onde tiras a bóla para que quede preto do boliche, e iso mellora a capacidade de reflexión dos nenos e tamén dos maiores. Ademais, cando xogamos por tripletas tamén hai un gran traballo de compañeirismo e comunicación para definir a estratexia a seguir desde o principio, pero tamén antes de cada tirada”, comenta a presidenta.

Engade, tamén, que a petanca supón un esforzo mental ao analizar o terreo, porque unha pedra “pode estragar o tiro”, mentres que di que hai que “adestrar moito a puntería; así como hai que ter moita paciencia, calma e serenidade, polo que axuda ás persoas con problemas de impulsividade a controlar os nervios”, explica, e engade que “a petanca é unha forma de distraerse e relaxarse, un deporte divertido que permite formar amizades con outras persoas, xa que cando os xuvenís viaxan coa Selección por España coñecen moita xente e fórmanse lazos irrompibles”, destaca.

Por outro lado, destaca a inclusividade deste deporte: “Unha persoa cunha discapacidade tamén pode formar parte do Club Petanca Lugo. Nós contamos cun socio cunha minusvalía e que vén xogar á petanca e ten participado no Campionato de España e conseguiu grandes premios, polo que é moi bo e é todo un exemplo para os demais. Apoiámonos entre todos e somos como unha familia, xa que é un deporte moi familiar e así queremos que siga sendo”, subliña a presidenta.

O FUTURO

No Club de Petanca teñen claro o que queren no futuro: seguir sumando socios e federados para participar en máis competicións. “Agora mesmo estamos participamos na Liga Norte e estamos intentando facernos oco nas fases previas do Campionato de España. Tamén participamos en torneos, como o que tivo lugar pola Festa do Cocido de Lalín, e organizamos cada ano un torneo polo San Froilán”, comenta Ilduara.

Ademais, engade que “o noso proxecto de futuro é seguir adestrando dous días á semana e que veñan máis nenos porque é moi bonito velos xogar, ver como aprender e van mellorando; que os nenos coñezan o deporte da petanca, que non é para avós, que é divertido, e así promoveremos que o club non desapareza, porque queremos seguir estando aí e incluso poder clasificarnos para algunha previa de España”.

Para atraer máis xente e seguir sumando socios, só teñen unha necesidade: que se cubran as pistas, “porque en Lugo chove moito e nos mollamos. Adestrar chovendo é incómodo e é o que fai que moitos pais non queiran deixar aos seus fillos con nós”, sostén Ilduara, que valora positivamente toda a colaboración que reciben do Concello de Lugo, que lles cede un local e as pistas para adestrar, pero piden que lles cubran as pistas con “algún material que se poida quitar e poñer, ou deixarnos un espazo cuberto habilitado con pistas pero nun interior, xa que en Lugo en inverno vai moito frío e as normas non nos permiten usar guantes na man que tira a bóla, polo que pasamos moito frío”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.18094682693481