Club Triatlón Cidade de Lugo: “Grandes triatletas do equipo olímpico son nenos da escola”

LugoXa
Adrián Vázquez e Ana Valín, presidente e secretaria do Club Triatlón Cidade de Lugo Fluvial, levan á fronte deste equipo deportivo desde 2017, sendo tamén os adestradores, ademais doutro compañeiro, Martín
Triatlon-Cidade-de-Lugo-portada
1 Apr 2026

Jessica Fernández

En que consiste o tríatlon?

O tríatlon é un deporte que inclúe outros tres deportes: nadar, bicicleta e correr. As tres disciplinas seguidas. Despois, existen modalidades, como o dúatlon, que é bicicleta e correr; o acuatlón, que é nadar e correr; hai modalidade de media distancia, longa distancia, tríatlon cross, dúatlon cross... O deporte principal é o tríatlon, que é o deporte olímpico, pero ten moitas ramificacións.

Cantas persoas forman parte do seu club?

Roldamos as 200-250 licenzas todos os anos. Temos maioría de rapaces, pero creo que podemos estar moi orgullosos porque temos un 40% de licenzas femininas. Temos unha escola de menores, que é a base, de prebenxamín a júnior, con arredor de 70-80 nenos e nenas, e representa un 40% do club. Despois, temos dous equipos elite moi destacados, o masculino e o feminino, cos que competimos en ligas nacionais de tríatlon e de dúatlon, en primeira división; e temos grupos populares de todas as idades que veñen practicar os deportes, como a categoría máster, na que hai persoas de máis de 60 anos. O tríatlon pódese practicar a todas as idades e a todos os niveis. Ao final, o tríatlon engloba tres deportes que son sinónimo de saúde. Nós non entendemos só o deporte de rendemento, entendemos o deporte como algo básico para unha vida saudable. E pode vir calquera persoa que teña ganas.

Que máis beneficios achega esta actividade?

A nivel escola, aparte de todo o que leva consigo o feito de practicar deporte e a saúde, hai moitísimo compañeirismo. Nós, ademais, fomentamos o adestramento entre idades, mesturados, para que os maiores axuden aos pequenos, para facer grupo, para ensinarlles o valor da superación… Os pequenos, que teñen a súa propia liga a nivel nacional, vanse reflectindo nos maiores, que teñen moi bo nivel, e vanlles ensinando todo o que engloba o deporte. Grandes tríatletas que forman parte do equipo olímpico son nenos que se formaron na escola desde que tiñan 6 anos, e agora corren campionatos do mundo. A nós gústanos que a escola sexa para practicar deporte, como lecer saudable, como medio de vida, pero tamén, para que todo o que queira, que teña aí o seu trampolín e a súa plataforma para conseguir os seus obxectivos. Entendemos a ambición e o querer chegar a ser a túa mellor versión deportiva.

Poderían destacar a algunha persoa do club que consideren que chegou ao máis alto?

Orgullosos estamos de todos, pero si, temos a sorte de ter ao mellor deportista de tríatlon de todos os tempos, que é Javi Gómez Noya, que pertence ao club e fai tríatlon desde hai 20 anos. E agora mesmo outro que temos e que nos enche de orgullo é Antonio Serrat, o último galego que foi aos Xogos Olímpicos de París, que leva aquí dous anos adestrando connosco. Esteban, que saíu da escola, pero agora está adestrando con Javi Gómez Noya nun equipo profesional, tamén é un referente. E, dos que están na escola connosco agora o maior referente é Jarno Pousada, que está disputando o seu último campionato do mundo. Con respecto ás rapazas, eu creo que o gran referente é Ana Godoy, que leva xa dous Xogos Olímpicos. E outras como María Casal, Sara Carballo, Cecilia Santamaría ou Elsa Pena, que loitan tamén polos Xogos de Los Ángeles, son os grandes referentes a nivel feminino. Creo que temos bos referentes e modelos de persoas que levan unha vida saudable e sacrificada neste deporte.

Hai grandes deportistas, pero é un deporte minoritario. Que problemas leva consigo?

A alto nivel, pódese vivir deste deporte, pero nós sempre lles dicimos aos nosos rapaces e rapazas que estuden, porque é difícil chegar ao alto nivel e vivir diso, pero sobre todo, cando saes del, non che dá para vivir, non é como o fútbol ou o baloncesto. Ao final, dependes moito de axudas de institucións e de bolsas, a Federación…

Como son os adestramentos?

Se falamos de categoría elite, adestran todos os días e a maioría dos días da semana podemos facer os tres deportes. No caso da escola, temos un horario que vai de luns a sábado con grupos diferenciados, cada un co seu horario. Así, os nenos e nenas poden vir no horario que queiran os días que queiran coa mesma cota. O máis importante é facilitarlles a asistencia e que poidan practicar o deporte. Ademais, fan un ou dous deportes, nunca tres, e sempre adaptados ás idades e ás capacidades de cada un. No caso de elite, adestran os 7 días da semana, aínda que 5 ou 6 son para o deporte e un máis suave de físico, no ximnasio das pistas de atletismo. É importante diferenciar entre os equipos masculino e feminino de elite que forman parte do club e o equipo de adestramento de alto rendemento, do que forman parte rapaces e rapazas de categoría elite, que adestran aquí en Lugo, que é do que falamos.

De que fitos do club se senten máis orgullosos?

Recibimos dúas veces o recoñecemento a mellor equipo galego e somos o único equipo de tríatlon que ten a medalla de bronce ao mérito deportivo e o único equipo galego. Estamos considerados como o mellor equipo de tríatlon de España. Se falamos de Ligas Nacionais, gañamos 10 consecutivas coas rapazas, que gañar dez veces seguidas é difícil ata no parchís. E desas 10, en 8 anos, fixemos dobres gañando tamén cos rapaces. Se fósemos un equipo de fútbol, estariamos no cumio.

Cales son as necesidades do club?

A nivel de subvencións públicas sempre se podería ter máis, pero non nos podemos queixar; e con respecto ás instalacións, estamos agradecidos de poder utilizar as que usamos, tanto a pista de atletismo como as piscinas das Pedreiras, e o local que nos cede o concello, pero quédasenos pequeno, tanto o local como as piscinas. Temos que compartir o uso das piscinas públicas con usuarios e con cursos de natación, polo que adestramos, moitas veces, con 25 nenos nunha rúa. Se tivésemos unha piscina olímpica para compartir con equipos de natación como o PortaMiñá, abriríanos moitas portas. Ao ser un equipo recoñecido mundial e internacionalmente, cada ano veñen Seleccións doutros países, pero en ocasións tivemos que dicirlles que non por falta de espazo.

Entón, como ven o futuro do club?

Aínda que temos en mente un proxecto de grupo máis profesional, dependemos do espazo. E con respecto ao tríatlon, cada vez cústanos máis competir, aínda que temos estes bos resultados, porque cada vez é máis caro. Competimos contra clubs moito máis profesionalizados. Por iso, o obxectivo é seguir manténdonos ano a ano e seguir competindo a nivel nacional, loitando polo máis alto. A curto prazo, en maio comeza a clasificación olímpica e temos a Antonio, que foi a París, para intentar metelo nos Xogos. E tamén queremos traer a Lugo un grupo de alto rendemento que vai loitar polos Xogos de Los Ángeles.

0.13499402999878