Arroxo afirma que continuará a avanzar no calmado do tráfico e na seguridade peonil
“Non é o mesmo un paso de peóns elevado na N-VI que un en Ramón Ferreiro, por iso a normativa estatal e a municipal son distintas”, explicou Rubén Arroxo.
O candidato do BNG á Alcaldía de Lugo, Rubén Arroxo, mostrou a súa sorpresa ante as declaracións do Partido Popular acerca da eliminación dos pasos de peóns elevados e dos elementos de calmado do tráfico habilitados nas rúas de Lugo. “Hai 4 anos, Lugo era unha das cidades galegas nas que se rexistraban máis atropelos”, explicou o candidato do BNG, que engadiu “coa nosa chegada ao goberno, iniciamos un plan de calmado de tráfico que aumentara a seguridade en distintas zonas da cidade”.
O BNG, a través do Goberno de Lugo, comezou co plan de calmado do tráfico nas zonas escolares, ampliándoo ás zonas nas que se rexistraba maior velocidade no tráfico e aos puntos con máis atropelos da cidade. “O PP desde o comezo do mandato estivo en contra das medidas de calmado do tráfico e de que os espazos públicos fosen cada vez máis seguros”, afirmou Arroxo, que engadiu “a crítica do PP fai referencia a unha normativa estatal que non se aplica nos concellos, é distinto un paso de peóns elevado na N-VI que un en Ramón Ferreiro”.
Dous modelos de cidade
Rubén Arroxo afirmou que “este domingo, un puñado de votos decidirán o futuro de Lugo entre dous modelos de cidade”, explicou Rubén Arroxo, que engadiu “desde o BNG estamos xa traballando para aumentar a protección do peón e o calmado do tráfico, creando unha cidade máis amable, mentres que o PP propón volver atrás, diminuíndo a seguridade e aumentando os atropelos”.
“Estamos a poucos días de abrir un tempo novo en Lugo cun goberno do BNG”, declarou o candidato do BNG, que engadiu “confiamos en que a veciñanza aposte este domingo por nós para darlle ao noso concello o cambio que merece”.