Coeses celebra as festas na honra a Santa María Madalena os días 18, 19 e 20 de xullo

A parroquia de Coeses, no concello de Lugo, prepárase para vivir unha fin de semana festiva con motivo das festas na honra a Santa María Madalena, organizadas pola Comunidade de Montes de Coeses.
A celebración terá lugar os días 18, 19 e 20 de xullo e contará cun completo programa de actividades gastronómicas, relixiosas e musicais.
A festa arrincará o venres 18 ás 22:00 horas cunha churrascada popular, seguida dunha animada verbena amenizada polo grupo Punto Clave e o DJ Patakiña, que se encargarán de facer bailar a veciñanza e visitantes ata altas horas da madrugada.
O sábado 19 comezará cunha misa solemne ás 13:30 horas, tras a cal haberá sesión vermú co Grupo Alba. Pola noite, a verbena estará a cargo dun dos grupos máis destacados do panorama musical galego, París de Noia, acompañados de novo polo Grupo Alba, garantindo unha noite chea de música e espectáculo.
Para pechar as festas, o domingo 20 repetirase o formato da xornada anterior cunha misa solemne e sesión vermú, nesta ocasión a cargo do Trío Merengue, que porá o broche final a tres días de celebración.
As festas contan co apoio de diferentes entidades e negocios locais, así como da Xunta de Galicia e do Concello de Lugo, que colaboran na organización dun evento que cada ano reúne a veciñanza de Coeses e visitantes doutras parroquias.