COGAMI en Lugo atendeu a 64 persoas no marco do programa Máis Emprego

A oficina de COGAMI en Lugo atendeu, no inicio do programa Máis Emprego en 2024, a un total de 64 persoas, distribuídas por diferentes comarcas da provincia.
Deste total, 49 son da comarca de Lugo, 7 da Terra Chá, 3 de Sarria, 2 de Terra de Lemos e unha persoa de cada unha das seguintes comarcas: Ancares, Mariña Central e A Fonsagrada.
En Lugo, as 49 persoas beneficiarias participaron en 10 cursos especializados sobre diferentes áreas, tales como manipulación de alimentos, carretilla elevadora, primeiros auxilios, atención ao cliente e medios de pago, expendedor de combustible con prácticas en empresas, soporte vital básico, alfabetización dixital e curso de galego para preparación do CELGA.
O programa Máis Emprego, que ten como obxectivo mellorar a empregabilidade das persoas en risco de exclusión social, especialmente aquelas con discapacidade, está financiado por Fundación la Caixa e o Fondo Social Europeo Plus. Desenvolveuse nas sedes de Lugo, Ferrol, Ourense, Pontevedra e Vigo, e ao longo dos cinco anos de duración, se prevé que máis de 1.700 persoas participen.
Este programa busca promover a igualdade de oportunidades, a non discriminación e a mellora da empregabilidade, a través dun enfoque integral que inclúe formación, orientación laboral e contacto directo co tecido empresarial. Máis Emprego ofrece itinerarios personalizados adaptados ás necesidades de cada participante e ás demandas do mercado laboral, mellorando a súa empregabilidade con formación especializada e talleres de alfabetización dixital.
Unha das claves do éxito do programa é a colaboración co tecido empresarial local, realizando estudos do mercado laboral para detectar oportunidades de emprego, establecer intermediación entre empresas e persoas demandantes de traballo, e sensibilizar as empresas sobre a importancia de contratar persoas con discapacidade.
UN EXEMPLO DE VIDA
Un dos exemplos de éxito do programa é o de José Antonio Gómez, quen é unha das 20 persoas que xa lograron emprego grazas a Máis Emprego en Lugo.
José Antonio, que leva máis de 25 anos vinculado ao servizo de emprego de COGAMI, sufriu unha lesión no xeonllo que lle impediu continuar co seu traballo anterior, obtendo un certificado de incapacidade laboral.
A súa nova situación levou-o a reconsiderar a súa traxectoria profesional e formarse en novas áreas, como atención ao cliente, manipulación de alimentos e carretilla elevadora.
A pesar dunha nova lesión de columna que lle concedeu outra incapacidade, José Antonio non se deu por vencido e, aos 50 anos, iniciou unha nova etapa profesional en Laboravi Social Galicia, unha empresa de recollida e entrega de paquetería.
"Estou agradecido porque apostaron por min. Hai que poñerlle empeño e decisión á vida", concluíu.
O programa Máis Emprego continúa facendo realidade a mellora das oportunidades laborais para moitas persoas, demostrando que, coa formación adecuada e o apoio necesario, é posible superar barreiras e emprender novas etapas profesionais.