COGAMI implantará un modelo de atención máis humana e personalizada para persoas con discapacidade

A Deputación de Lugo aportará 5.000 euros á Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Anxo Queiruga, para implantar no Centro de Recursos de Fingoi un novo modelo de atención baseado na autonomía, a dignidade e os dereitos das persoas con discapacidade.
O proxecto desenvolverase durante este ano e busca transformar o servizo de atención diúrna terapéutica mediante a incorporación do Modelo de Atención Integral e Centrada na Persoa (AICP), un enfoque que sitúa a cada individuo no centro da intervención e garante o seu protagonismo nas decisións que afectan á súa vida.
A achega provincial permitirá realizar un proceso completo de mellora asistencial que inclúe diagnóstico organizativo, análise de procedementos, formación específica para o persoal, acompañamento técnico, implementación progresiva dos cambios e avaliación continua dos resultados. O obxectivo é avanzar cara a un sistema de apoios máis personalizado, flexible e respectuoso, que teña en conta a historia de vida, as preferencias, os intereses e as capacidades de cada usuario ou usuaria, reforzando ao mesmo tempo o papel das familias e a coordinación cos equipos profesionais.
O novo modelo permitirá unha atención máis humana e moderna, superando enfoques asistencialistas e potenciando a capacidade das persoas para decidir, participar e desenvolver o seu propio proxecto de vida. O proxecto será monitorizado e avaliado para asegurar a súa sustentabilidade e replicabilidade noutros centros de COGAMI en Galicia.
O Modelo de Atención Integral e Centrada na Persoa é considerado unha referencia de calidade no ámbito sociosanitario europeo, ao promover a autonomía persoal, a atención á historia de vida, a participación da contorna afectiva, a mellora dos vínculos profesionais e o respecto efectivo dos dereitos de cada persoa.
José Tomé Roca destacou que esta colaboración “responde á vontade de construír políticas sociais centradas nas persoas e non nos procedementos” e subliñou que “a Deputación seguirá apoiando iniciativas que transforman realidades e dignifican a vida das persoas con discapacidade, porque a calidade dunha sociedade mídese polo seu compromiso cos dereitos e coa igualdade de oportunidades”.