Cohesión Social entrega axudas a 24 colectivos locais
Estas axudas pretenden dinamizar e contribuír ao desenvolvemento de programas e actividades que fomentan a igualdade de oportunidades, a integración e a loita contra a vulnerabilidade.
A área de Cohesión Social do Concello de Lugo presta apoio a 24 asociacións que veñen desenvolvendo distintos proxectos no ámbito social no municipio. O obxectivo desta iniciativa, na que se invisten 300.500 euros, é dinamizar e contribuír ao desenvolvemento de programas e actividades postos en marcha por estas entidades que traballan pola igualdade de oportunidades, a integración e a loita contra a vulnerabilidade con importantes repercusións para a veciñanza no ámbito asistencial, educativo e social.
A concelleira destacou a importancia da colaboración co tecido asociativo local para expandir a rede de benestar na cidade. “A implantación destes colectivos na sociedade lucense constitúe un tesouro que é necesario conservar debido ao valor do traballo social que levan a cabo. Desde este Goberno local esforzámonos en potenciar o seu labor, que supón un patrimonio intanxible para as e os lucenses”, destacou González Abelleira.
A edila recordou ademais que neste momento permanecen abertos, ata o próximo 29 de novembro, varios programas de concorrencia competitiva a través dos cales as asociacións poden acadar financiamento para distintas iniciativas como a cooperación internacional, a axuda aos desprazamentos para persoas con mobilidade reducida e ao mantemento do taxi adaptado ou a conservación de instalacións.