COHORS III LUCEMSIUM presenta a moeda oficial do Arde Lucus

Desde a Asociación Cultural de Recreación Histórica COHORS III LVCENSIVM preséntase a moeda oficial do ARDE LVCVS MMXXV.
A moeda foi presentada polo presidente da asociación, Miguel Alvelo Iglesias, acompañado doutros membros da directiva e polo concelleiro de Xuventude e Deportes, Jorge Bustos, quen felicitou á asociación pola reprodución, un ano máis, da moeda oficial da festa romana, que nesta edición conmemora os 25 anos da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade por parte da Unesco.
Desde o ano 2010, esta asociación edita a moeda romana oficial do Arde Lucus, a maioría dos anos cunha reprodución dunha moeda romana catalogada e estudada, sempre vinculada á temática escollida pola Cohors III para cada edición.
Mais o 2025 é un ano especial, xa que se conmemoran 25 anos da inclusión da Muralla Romana de Lugo na Lista de Bens Patrimonio da Humanidade. Con motivo desta efeméride, a Cohors lembra este acontecemento coa emisión dunha moeda singular, cun deseño exclusivo, sumándose así aos distintos actos que se celebrarán na cidade para reivindicar a proclamación da Muralla Romana de Lugo como o mellor exemplo de defensa urbana do occidente do Imperio Romano.
Ademais, anunciouse a celebración das XVI Xornadas Culturais, que terán lugar este mércores ás 20:00 horas no salón de actos de O Vello Cárcere, cunha mesa redonda titulada 'A arqueoloxía en Lvcvs Avgvsti', onde se presentarán os traballos realizados polo arqueólogo Enrique Alcorta Iraztorza.
A programación continuará o xoves 15, cunha visita desde a Porta Miñá a cargo do arqueólogo municipal Enrique González, ás 17:00 horas; e coa conferencia do arqueólogo Fernando Muñoz Villarejo, sobre as murallas romanas de Legio (León), que se celebrará no patio de O Vello Cárcere, ás 20:00 horas.