Colectivo Pedagóxico Estiño, medio século de pedagoxía compartida, cultura galega e solidariedade internacional

Jessica Fernández
Hai proxectos educativos que nacen dunha necesidade concreta e acaban converténdose en referentes pola súa continuidade, polos valores que defenden e polo impacto que xeran máis alá das aulas. Con preto de cincuenta anos de historia, o Colectivo Pedagóxico Estiño é unha clara mostra do bo facer de docentes galegos en da mellora da educación, a defensa da escola rural, a promoción da lingua e da cultura galega e cun firme compromiso solidario. Na actualidade, o colectivo está presidido por Anxo Vilabrille, que leva arredor de dez anos á fronte dunha iniciativa baseada no traballo cooperativo e na implicación directa do profesorado e do alumnado.
O Colectivo Pedagóxico Estiño xorde nos anos 70, nun contexto educativo moi distinto ao actual, marcado pola dispersión xeográfica e pola predominancia das escolas unitarias no rural galego. Tal e como explica o seu presidente, a semente do proxecto xermolou entre mestres que compartían formación e inquietudes. “Un grupo de mestres, que foran alumnos da antiga Escola de Maxisterio de Lugo, decidiron unir forzas para traballar conxuntamente e mellorar a situación das escolas unitarias”, lembra Vilabrille.
Aquelas escolas, maioritarias no medio rural, sufrían un forte illamento, tanto a nivel de recursos como de relacións entre alumnado. Por iso, desde o inicio, o colectivo marcou como prioridade crear vínculos entre centros. “O obxectivo principal era que os nenos e nenas tivesen contacto con outros nenos e nenas doutras escolas e facilitar un pouco a dinámica de traballar conxuntamente”, explica.
Daquela vontade de cooperación, naceu unha das iniciativas máis características de Estiño: a elaboración dun calendario anual. Nun primeiro momento, a finalidade era práctica, ligada ás necesidades materiais das escolas. “Xurdiu a idea de elaborar un calendario coa finalidade de conseguir fondos para as propias escolas e así poder ofrecer ao alumnado algunha saída ou excursión cos nenos, xa que eran moi poucos os recursos económicos cos que contaban”, relata Vilabrille.
O proxecto foi medrando a medida que se ían incorporando máis mestres e centros educativos e, co paso dos anos, a situación das escolas mellorou de forma notable, pero o colectivo decidiu manter viva a iniciativa e redefinir o seu sentido. “Cando vimos que xa non facía falta recadar cartos para os centros, decidimos dar un paso máis e seguir elaborando o calendario, pero para recadar fondos para nenos e nenas de escolas de zonas rurais de Nicaragua, a través da ONG AXUNICA de Lugo”, explica o presidente.
Solidariedade educativa en Nicaragua
Ese xiro marcou unha nova etapa para Estiño, que pasou a desenvolver unha acción solidaria de carácter internacional centrada no dereito á educación. Vilabrille describe unha realidade moi dura nas zonas nas que colaboran. “Estamos falando de escolas do rural Nicaragua ás que acoden nenos e nenas de familias moi pobres que, se queren seguir estudando, non poden por non poder desprazarse a outras localidades”.
Así, a través do colectivo, e en colaboración con entidades que traballan directamente no país, Estiño consegue canalizar os fondos recadados para garantir a continuidade educativa destes rapaces. “A través da nosa asociación conseguimos reunir o diñeiro suficiente para que, mediante entidades que actúan alí, se xestione que eses nenos poidan desprazarse a outras localidades e continuar cos seus estudos, subvencionándolles o aloxamento e a propia formación”, explica. O impacto desta iniciativa reflíctese tamén nos datos. “O ano pasado fixemos unha tirada de 2.500 exemplares do calendario, que conseguimos vender, e con ese diñeiro puidemos axudar a nenos e nenas de zonas desfavorecidas”, engade.

O calendario 2026: Entroido e tradición galega
Cada ano, o colectivo reúnese no mes de setembro para planificar unha nova edición do calendario. A correspondente a 2026 é xa a número 47, unha cifra que amosa a continuidade e consolidación do proxecto. Nesta ocasión, a temática escollida é o Entroido, unha das manifestacións máis singulares da cultura popular galega. “Este ano acordamos que o motivo sería o Entroido, porque todos os anos intentamos que o calendario estea relacionado coa cultura e coa tradición galega”, explica Vilabrille.
Na actualidade, Estiño está formado por 23 centros educativos repartidos por Galicia, con especial presenza na provincia de Lugo —con centros en Ribadeo, Vilalba, Lugo, Cervantes, Navia de Suarna, Sarria ou Taboada—, ademais doutros da Coruña e de Pontevedra. “Este ano non temos representación en Ourense”, puntualiza o presidente.
A diversidade tamén se reflicte nos niveis educativos: participan escolas de infantil e primaria, institutos e mesmo un centro de educación especial. Desta maneira, o calendario é o resultado dun proceso colectivo no que participa activamente o alumnado. “Entre eses 23 centros educativos poñémonos de acordo na temática e deseñamos o calendario”, explica Vilabrille. “Cada centro encárgase dun aspecto concreto e o alumnado realiza debuxos relacionados co tema asignado. Faise unha selección previa de catro ou cinco debuxos, que nos envían, e o día da montaxe escollemos os que mellor encaixan para o resultado final”, detalla. A partir de aí, cada escola ten liberdade para traballar pedagoxicamente a temática. “Hai colexios que mesmo montan exposicións relacionadas co tema, incluso”, engade.
Máis alá do produto final, o calendario convértese nun recurso educativo de gran valor. “Este traballo é un referente para o alumnado porque ven como levar a cabo unha acción solidaria ao tempo que toman conciencia da necesidade de fomentar a cultura galega”, destaca Vilabrille. Ese compromiso coa lingua e coa identidade cultural é un dos piares fundamentais do colectivo. “Un dos obxectivos de Estiño é o fomento, a difusión e o coidado da cultura e da lingua galega, e iso é fundamental”, subliña.
Toda esa traxectoria queda reflectida na colección completa de calendarios, que se atopa exposta na Escola de Formación do Profesorado de Lugo. “Todos os calendarios cumpren ese obxectivo de difusión, coidado da cultura e da lingua galega; todas as temáticas están sempre relacionadas coa tradición galega”, afirma.
Outro dos sinais de identidade de Estiño é a súa independencia institucional. O colectivo non solicita subvencións nin axudas públicas. “Consideramos que este debe ser un colectivo pedagóxico totalmente alleo ás institucións políticas, polo que nunca pedimos axudas nin ningún tipo de subvención”, explica Vilabrille, quen defende que así manteñen “total liberdade e control na toma de decisións”. Pero si que conta con colaboradores como Bico de Grao ou Librería de Trama, que vende os calendarios, así como a Asociación A Volta do Agro, que colabora co proxecto.
De cara ao futuro, o principal reto é garantir a continuidade do proxecto. “O que desexamos é que continúe a asociación, aínda que nos últimos anos cústanos máis conseguir xente nova”, recoñece o presidente, especialmente entre as novas xeracións de docentes. “Pode ser que o profesorado se sinta moi cargado no seu labor diario, pero eu si vexo certa falta de compromiso e de implicación neste proxecto”, reflexiona.
A pesar das dificultades, Estiño segue demostrando que a educación, cando se entende como un traballo colectivo e comprometido coa sociedade, pode transformar realidades e tender pontes entre culturas, xeracións e territorios.