Colectivos denuncian graves irregularidades na urbanización do Carril das Flores, en Lugo

LugoXa
Os colectivos que conforman o Foro do Camiño Primitivo denuncian graves irregularidades nas obras de urbanización do Carril das Flores
1Resto arqueolóxico(1)
14 Xul 2022

Os colectivos que conforman o Foro do Camiño Primitivo denuncian, de novo, diante do Concello de Lugo, en dous escritos presentados no pasado mes de xuño, aos que non obtiveron resposta, "graves irregularidades" que afectan ás obras que se están a realizar no Camiño Primitivo, na esquina entre as rúas San Roque e Carril das Flores, solicitando a súa inmediata paralización.

Estas obras, segundo denuncian os colectivos, estanse a realizar actualmente fóra do prazo concedido ao efecto, sen reunir os requisitos e garantías necesarias para salvagardar o patrimonio arqueolóxico que se puidera ver afectado, e vindo definidas nuns documentos oficiais, como o PEPRI, "os cales incumpren a normativa de accesibilidade".

"Ditos documentos técnicos non só contemplan a reurbanización do tramo do Camiño Primitivo adxacente ao quinteiro 214-A, senón a súa reconfiguración en planta e en perfil, alterando as aliñacións e rasantes actuais desta vía", denuncian.

Deste xeito, segundo explican os colectivos, ambos documentos estendéronse sobre unha vía pública, o Carril das Flores, exterior ao ámbito no que o PEPRI lles facultaba a actuar, sen que os servizos técnicos do Concello tiveran feito reparo ningún a tal irregularidade.

Por outra banda, o proxecto de urbanización tampouco é "concordante, como debera", coa Modificación de planeamento previamente aprobada, no que atinxe á pendente resultante no Camiño Primitivo/Carril das Flores (maior na modificación de planeamento que no proxecto de urbanización) e ao muro que actualmente salva o nivel entre o Carril das Flores e a rúa Montero Ríos.

"A normativa de accesibilidade vixente establece o deber de xustificar expresamente o cumprimento de dita normativa nos planeamentos urbanísticos, así como o deber dos Concellos de esixir e verificar dito cumprimento como requisito para a súa aprobación, deberes ambos incumpridos de forma manifesta na tramitación da modificación do PEPRI e do proxecto", aclaran na denuncia.

Esta proposta de incremento de pendente, coa que se empeoran aínda máis as actuais condicións de accesibilidade nunha rúa cuxa pendente excede as máximas establecidas nas normas de accesibilidade vixentes, "non só contravén de xeito manifesto dita normativa, ao tempo que resulta especialmente grave, ao afectar a unha rúa cunha importante función peonil -non só como vía de peregrinación senón tamén de acceso ao centro histórico desde barrios exteriores ao mesmo- e a un tramo da mesma de carácter moi singular".

A indebida aprobación dos citados documentos urbanísticos por parte do Concello faculta ao promotor a executar a urbanización nas condicións que neles se definen, o que, segundo denuncia o colectivo, traería como consecuencia a imposibilidade de recibir unhas obras de urbanización que incumpren de xeito flagrante a normativa de accesibilidade.

Desde o Foro do Camiño Primitivo aseguran non ter constancia de que o Concello estea a adoptar as medidas necesarias para salvagardar o patrimonio arqueolóxico que se puidera ver afectado, nunha zona de fertilidade arqueolóxica acreditada polos achados descubertos nas proximidades co gallo doutras obras.

"A principios da segunda semana do mes de xuño, a cidadanía lucense mesmo puido observar como dentro do quinteiro quedaron ao descuberto muros pétreos de presumible interese ou valor arqueolóxico, muros que motivaron a curiosidade dos transeúntes e que foron rapidamente ocultados".

A maiores, denuncian os colectivos que as obras en execución levan máis de tres meses ocupando parcialmente a vía pública sen contar cos preceptivos carteis, requiridos polas ordenanzas municipais e pola normativa urbanística.

"E por todo isto, tendo expirado o prazo de execución das obras e advertíndose que a urbanización proposta traería como consecuencia un incumprimento grave da normativa de accesibilidade no tramo afectado do Camiño Primitivo e a imposibilidade posterior de recibir tales obras por parte do Concello, foi polo que se solicitou á máxima autoridade municipal a paralización inmediata de ditas obras en tanto non se emenden as deficiencias detectadas e se garanta o mantemento das actuais condicións de accesibilidade no dito tramo".

Así mesmo, solicitan que se adopten as medidas pertinentes para salvagardar os restos arqueolóxicos merecentes de protección, requirindo a inescusable inspección e supervisión das obras por parte dos arqueólogos municipais.

0.091673135757446