Colexios de Lugo, Sarria e Guitiriz reciben a súa distinción do programa Ningún aro sen rede

O Pazo dos Deportes de Lugo foi o escenario do acto de entrega dos premios do III Concurso Ningún Aro Sen Rede, correspondente ao curso 2024/2025.
O proxecto, impulsado pola Fundación Breogán coa colaboración da UNED Lugo e de Ecoballution, naceu no curso 2022/2023 co obxectivo de transformar a conciencia ambiental a través da reciclaxe e do deporte. Durante este curso 2024/2025, dez centros educativos da cidade e provincia de Lugo participaron recollendo material de escritura en desuso, demostrando o seu compromiso co medio ambiente e coa reciclaxe responsable.
O director da Fundación Breogán, Luis Abel Taboada, e a directora da UNED Lugo, Ana Belén Traseira Pena, fixeron entrega dos recoñecementos, acompañados por Alejandro Rodríguez, biólogo ambiental, que participou no desenvolvemento da actividade nos dez centros educativos visitados xunto con ambos.
Os centros premiados pola maior cantidade de material recollido foron en primeiro lugar o colexio Plurilingüe Franciscanos de Lugo (20,8 kg), representado polo seu director David Méndez Ferreiro, xunto ao CEIP Plurilingüe Lagostelle de Guitiriz (12,2 kg), representado polo seu director Jorge J. Montero Formoso, e o CPR Plurilingüe Nosa Señora da Asunción de Sarria (11,5 kg), representado pola súa xefa de estudos Irene Iglesia Fernández.
Tamén se recoñeceu a participación dos centros: CEIP Plurilingüe de Xermade (11,0 kg), CEIP Plurilingüe Poeta Avelino Díaz de Meira (8,2 kg), Colexio Maristas A Inmaculada de Lugo (6,4 kg), CPR Plurilingüe Cervantes de Lugo (6,2 kg), CEIP Plurilingüe de Monforte de Lemos (1,0 kg), CPI Uxío Novoneira de Pedrafita do Cebreiro (0,35 kg) e CEIP As Nogais (0,30 kg).
En total, recolléronse 77,95 kg de material de escritura en desuso, unha cifra que reflicte o esforzo colectivo e o compromiso ambiental dos centros participantes.
Os premios desta edición inclúen trofeos personalizados elaborados con material reciclado por O Artesán 3D, invitacións para presenciar partidos do CB Breogán esta tempada, vales para libros de temática ambiental e un lote de redes recicladas.
A organización salientou que os verdadeiros gañadores son o planeta, as nenas e nenos que aprenderon a importancia da reciclaxe e toda a sociedade, que comproba como pequenas accións poden tecer grandes cambios.
Moi pronto publicaranse as novas bases de participación para o curso 2025/2026, cando se abrirán tamén as inscricións.