Colocada a pancarta conmemorativa do 8M na fachada da Subdelegación do Goberno en Lugo

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, xunto á xefa da Unidade contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación, María Luisa Castro, colocaron a pancarta conmemorativa do 8M na fachada do edificio gobernamental.
Este acto simbólico enmarcase nas actividades da Semana da Muller, e ten como obxectivo visibilizar o firme compromiso do Goberno de España coas políticas públicas de igualdade.
No ano 2025, o Ministerio de Igualdade fixo balance dos avances conseguidos grazas ao consenso social e político. Entre as principais melloras destaca a suba do Salario Mínimo Interprofesional (SMI) e das pensións, a implementación de plans de igualdade obrigatorios para empresas, así como os plans de corresponsabilidade, todo orientado a reducir a brecha salarial e a fomentar a conciliación entre a vida laboral e familiar.
A subdelegada, Isabel Rodríguez, lembrou que “o 8M é unha data para reivindicar os dereitos conquistados e os desafíos pendentes, como a erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres e a igualdade real”.
Neste sentido, destacou a importancia da renovación do Pacto de Estado contra a violencia machista, así como os avances no ámbito da violencia sexual, entre outras medidas en materia de igualdade.