Colocan 40.000 flores de 13 especies nos xardíns de Lugo

LugoXa
O Concello aumenta un 33% a ornamentación das prazas coa colocación de 40.000 flores de 13 especies diferentes
xardineiro xardin emprego
1 Maio 2023

A Concellería de Medio Ambiente está a ornamentar as prazas da cidade con 40.000 plantas en flor para embelecer Lugo na campaña desta primavera. Serán 10.000 máis que o ano pasado, crecendo así nun 33% o número de plantas que ornamentarán os espazos públicos, de 13 especies diferentes, destacando as begonias, petunias e taxetes.

Explicaron desde o Concello que nalgunhas das áreas xa se procedeu xa a mellorar a estética con cores vistosas. A selección realizouse tendo en conta as especies máis adecuadas para a estación e tamén as cores máis apropiadas desde o punto de vista paisaxístico, co obxectivo de acadar espazos máis atractivos e de convidar tanto á veciñanza como aos turistas e visitantes ao desfrute destes emprazamentos.

En total, a Concellería actuará en 31 localizacións tanto do centro histórico como nos distintos barrios, sumando cinco máis ás do ano pasado, entre as que se atopan a avenida de Madrid, as rotondas de Infanta Elena, o fondo da rúa Monforte e os xardíns dos conservatorios, e reforzaranse, entre outros enclaves, Paradai, Rafael de Vega, Praza de San Xoán ou Agro do Rolo. O ano pasado xa se incrementaran nunha ducia as zonas co fin aumentar a decoración floral e paisaxística daqueles puntos da capital que contan con espazos de esparexemento ou zonas comúns.

A área de Medio Ambiente renova a imaxe floral de Lugo con dúas plantacións ao ano, unha na primavera e outra no outono.

0.2108428478241