Comerciantes da Milagrosa, en Lugo, lanzan unha campaña para incentivar as compras no barrio

LugoXa
A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa busca o apoio ao comercio local fronte ás dificultades derivadas da covid.
lugo campaña comercio milagrosa
12 Apr 2021

A Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa, en Lugo, vén de poñer en marcha unha campaña de apoio ao comercio local do barrio onde, lembran, se congrega unha de cada tres licencias de actividade da capital luguesa.

O colectivo veciñal asegura que a actual situación sanitaria "motivou, e segue a facelo, unha situación de extrema gravidade para o pequeno comercio, que viu drasticamente mermadas as súas ventas e tivo, nun número moi considerable, que pechar os seus locais, en moitos casos de xeito definitivo".

Ante esta situación, a asociación decidiu poñer en marcha unha campaña que ten como finalidade apoiar ao comercio local "mediante a fidelización do cliente e o impulso á iniciativa de que o cliente, especialmente os propios residentes do barrio, comprendan a importancia de fomentar a actividade económica no comercio minorista". Por iso, na campaña empregan mensaxes como 'Agora máis que nunca, merca no comercio do teu barrio' ou 'Axuda aos teus veciños' que, segundo consideran, "reforzan a idea de que a solidariedade entre veciños debe estar máis presente que nunca por ser de vital importancia nestes tempos difíciles para todos".

A campaña desenvolverase en dúas fases. Así, en primeiro lugar o colectivo veciñal repartirá ao redor de 500 carteis "para que os propios comercios participen de forma activa e recíproca nesta acción" e máis tarde, procederán ao reparto e buzoneo, desde Garabolos ata a Ronda da Muralla e desde Paradai ata O Castiñeiro, "para fomentar a concienciación da importancia da acción diaria individual e o fundamental de que as compras sexan realizadas en locais do noso barrio".

Para o desenvolvemento desta campaña, a Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais Distrito da Milagrosa contan co apoio das Federacións lucense e galega de Comercio e da Xunta de Galicia.

campaña comercio milagrosa 2

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18791508674622