Comeza a construción de dous novos aparcamentos alternativos en Lugo
Lugo sumará dous novos aparcamentos alternativos despois de que este xoves desen comezo os traballos para a creación destas novas áreas nas rúas Ramón Piñeiro e Francisco Lamas López, nos barrios da Residencia e O Castiñeiro. Suporán a creación de 69 prazas de estacionamento, públicas e gratuitas.
A estas novas prazas, lembran desde o Concello, sumaranse outras 51 que se habilitarán co repintado en batería dos espazos nas rúas Río Mandeo, Pomar, Amizade e Ronda do Carmen. As actuacións que se veñen de iniciar contan cun investimento de 171.000 e teñen un prazo de execución de dez semanas.
O novo párking da rúa Alcalde Francisco Lamas López, construirase nunha parcela de 529 metros cadrados, e contará con 16 prazas, dúas delas adaptadas para persoas con mobilidade reducida. O outro aparcamento situarase nunha parcela de 1.859 metros cadrados entre as rúas Ramón Piñeiro e Beberide, e disporá de 53 prazas, incluíndo 5 adaptadas. As parcelas atópanse actualmente sen uso, e serán habilitadas para o estacionamento público e gratuíto.
As labores iniciais de extracción de terra vexetal levaranse a cabo de forma intercalada nas dúas parcelas para, a continuación, comezar a traballar simultaneamente nos dous espazos, co estendido de saburra, canalizacións de pluviais, canalizacións de iluminación, pavimentos e peches.