Comeza a construción do aparcadoiro disuasorio na avenida Breogán

LugoXa
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que os Orzamentos da Xunta para 2024 reservan unha partida de 5,75 M€ para a estación intermodal de Lugo e outros 5 M€ para impulsar con consenso a Rolda Leste.
PRESENTACION PROXECTO APARCADOIRO BREGOAN
19 Oct 2023

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanzou hoxe que os Orzamentos da Xunta para 2024 reservan unha partida de 5,75 M€ para a estación intermodal de Lugo e outros 5 M€ para impulsar con consenso a Rolda Leste.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade supervisou hoxe, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, o inicio das obras de construción do aparcadoiro disuasorio da avenida de Breogán, no que o Goberno galego está a investir 1,2 M€.

A conselleira salientou que o vindeiro ano tamén será posible poñer ao servizo dos lucenses o novo aparcadoiro disuasorio da avenida de Breogán, con 148 prazas, grazas a un investimento autonómico de 1,2 M€.

Detallou que esta actuación está moi vinculada ao Barrio da Residencia, transformada nun centro de equipamentos sociosanitarios grazas a unha achega da Xunta de 30 M€, aos que o novo aparcadoiro pretende dar servizo.

Ethel Vázquez trasladou que se trata, ademais, dun aparcadoiro estratexicamente situado, entre as estradas N-VI e N-540, que busca que os cidadáns que cheguen á zona teñan dispoñible un espazo de estacionamento para a continuación desprazarse a pé ou en transporte público. Tamén se pretende que os que saian de Lugo conten cun punto de encontro desde o que emprender unha viaxe compartindo vehículo.

O aparcadoiro da avenida de Breogán terá 5.700 metros cadrados e ofrecerá 148 prazas, das cales 4 estarán reservadas para vehículos adaptados para persoas con mobilidade reducida.

ORZAMENTOS XUNTA

Ethel Vázquez remarcou a relevancia desta actuación e garantiu que as Contas da administración autonómica para o vindeiro ano volverán plasmar o compromiso do Goberno galego con Lugo a través de infraestruturas que achegan progreso e calidade de vida.

Apuntou que, grazas á estabilidade política e ao rigor financeiro que practica a Xunta, Galicia volverá ter aprobados os seus Orzamentos “en tempo e forma”, que serán, ademais os máis altos da historia, un total de 13.257 M€ que non recorren ao endebedamento e prevén máis crecemento e menos paro.

A conselleira destacou que eses Orzamentos da Xunta tamén fan historia en relación co gasto social, con máis de 10.000 M€, e tamén no nivel de investimentos, aos que destinan 2.800 M€.

Asegurou que Lugo se verá beneficiada dese esforzo, con avances importantes na renovación das infraestruturas sanitarias. Así, logo de rematar recentemente a construción nesta cidade do 1º Centro Integral de Saúde no Barrio da Residencia, a Xunta destinará o próximo ano 700.000 € a iniciar as obras de reforma do ambulatorio da Milagrosa.

Ethel Vázquez destacou, tamén, o investimento de 5,75 M€ previsto para iniciar e avanzar na execución das obras da estación de autobuses da intermodal, que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé licitar este mesmo outono e teñen consignado un orzamento global de preto de 14M€. Isto, engadiu a conselleira, sen deixar de demandar un esforzo do Goberno de España para mellorar a oferta de servizos ferroviarios e a conexión real coa alta velocidade.

Nas súas declaracións, a conselleira asegurou que a Xunta quere cumprir os seus compromisos con Lugo e por iso nos Orzamentos de 2024 se recolle un compromiso de gasto total de 2,4 M€ no saneamento do núcleo de Esperante. A ese respecto, indicou que o Goberno galego está en disposición de iniciar esa actuación en canto o Concello de Lugo remita o proxecto nas condicións axeitadas e se asine o convenio para o cofinanciamento das obras.

Manifestou que a Xunta desexa, tamén, cumprir o seu compromiso coa Rolda Leste, e así o reflicten as Contas autonómicas para o vindeiro ano, que recollen un investimento de 5 M€.

Ethel Vázquez sinalou que se trata dunha infraestruturas estratéxia para a cidade de Lugo que a Xunta aspira a desenvolver pola vía do diálogo e do acordo, como así quedou acreditado nas dúas cartas remitidas á alcaldesa de Lugo, convidándoa a formular a proposta de trazado preferida polo Concello, algo que foi rexeitado.

Lembrou que o proxecto presentado respecta o trazado previsto no PXOM de Lugo e, polo tanto, a Xunta entende que ten unha Declaración de Impacto Ambiental en vigor, algo que chocou coas dúbidas e o rexeitamento do Concello.

Por ese motivo, e coa vontade de consenso, de avanzar con plenas garantías xurídicas e evitar posibles recursos que xerarían incertezas, a Xunta decidiu someter o proxecto da Rolda Leste a unha nova Declaración de Impacto Ambiental.

Advertiu que atender esa demanda do Concello suporá un retraso no impulso da Rolda Leste e avanzou que a Xunta comezará canto antes os trámites para minimizalo, xa que o seu obxectivo é acometer esta actuación, tal e como reflicten os 5 M€ recollidos no Orzamento para 2024.

LARA MÉNDEZ

Lara Méndez, durante a visita a obra da construción do novo aparcadoiro disuasorio na avenida Breogán destacou a importancia da colaboración entre administracións para a consecución de fitos que melloren a calidade de vida da veciñanza e recordou que existen máis compromisos do Goberno autonómico pendentes en Lugo nos que se traballará conxuntamente entre ambas administracións, resaltou a importancia dos fondos europeos no desenvolvemento destes traballos financiados a través dos Next Generatión pola UE e a importancia de que eses fondos repercutan de forma directa no territorio.

Por último, mostrou  a súa satisfacción pola realización deste proxecto que contribúe a consolidar o proceso de transformación posto en marcha na cidade polo Goberno local.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17222905158997