Comeza a demolición do edificio do Garañón
A empresa adxudicataria dos traballos de demolición do Garañón comezou hoxe cos traballos efectivos do derrube do edificio.
Os traballos deron comezo con anterioridade e consistiron no levantamento topográfico que permitiu á empresa organizar e planificar as tarefas, sempre en condicións de seguridade para o ámbito no que se está actuando. Aínda que estas se paralizaron durante unhas horas polo xulgado continuaron sen problema ata iniciar hoxe o propio derrube.
Demoleranse 37.796’49 metros cúbicos que equivalen a 14.868 metros cadrados de superficies construídas.
Primeiro eliminaranse as fábricas de ladrillo das fachadas á vez que se quita o illamento da torre nordeste e se eliminará o material que illa as fachadas e os teitos de forxados do bloque noroeste (de dez plantas sobre a rasante da cota máis baixa) para, seguidamente, ir eliminando os pórticos en sentido descendente, de forma progesiva.
Finalmente, a última parte será a de retirada e desentullo de todo o material. A propia parcela se empregará para a provisión dos elementos demolidos.
Álvaro Santos relatou, así mesmo, que cando remate a derruba o fondo da escavación se cubrirá cunha lámina xeotextil, de maneira que non se poida filtrar ao chan ningún axente contaminante.“Todos os materiais da demolición que non sexan prexudiciais para o medio ambiente se aproveitarán para encher a zona, e deixarase a parcela coas cotas que tiñan no seu día. Farase provisión de terra vexetal, instalarase un sistema de rega por aspersión e estenderase un tepe de céspede natural precultivado de xeito que, nuns meses, toda a parcela recuperará o seu estado orixinal. Un obxectivo polo que levamos moitos anos traballando dende a responsabilidade”, concluíu o titular de Sostibilidade Urbana.