Comeza a Feira do Libro de Lugo coa participación de trece librarías na Praza Maior

LugoXa
Haberá presentacións literarias, encontros con autores e autoras, contacontos, obradoiros infantís, actuacións musicais e espazos dedicados á poesía, ao cómic e á literatura xuvenil
Feira-do-Libro-Lugo
13 May 2025

Comeza a Feira do Libro de Lugo, que se celebrará ata o 17 de maio, coincidindo coa fin de semana das Letras Galegas. Baixo o lema 'Onde florecen os libros', esta cita literaria contará coa participación de trece librarías que ofrecerán os seus exemplares cun desconto do 10 % nas casetas situadas na Praza Maior.

O horario das casetas será de 11:00 a 14:00 horas e de 17:30 a 20:00 horas, establecido pola Federación de Librarías de Galicia, organizadora do evento; e entre as actividades previstas, haberá presentacións literarias, encontros con autores e autoras, contacontos, obradoiros infantís, actuacións musicais e espazos dedicados á poesía, ao cómic e á literatura xuvenil.

Así, na tarde de hoxe, 13 de maio, as actividades comezarán ás 18.00 horas co pregón a cargo da escritora Cecilia F. Santomé coa participación do alumnado do CPI Virxe do Monte de Cospeito. Ademais, ás 19.30 horas Ismael Álvarez López presenta 'Xogos tradicionais e populares dos Ancares', acompañado pola deputada de Cultura Iria Castro. A esa mesma hora, Emilio Valadé del Rio asinará 'Apuntes de mis paseos por Lugo' na caseta da libraría Aguirre.

Durante o mércores 14, ás 18:30 terá lugar a actividade 'Conversas Follas Novas' na que Cecilia F. Santomé conversa con Lois Pérez, gañador na categoría xuvenil con Cartas na escuridade. Xa ás 19:30 será o encontro coa ilustradora Sandra Lodi autora de Papóns.

O xoves 15 ás 17:30 terá lugar o espectáculo infantil 'Roupa Tendida' de Xarope Tulú, ás 18:30 horas Rodrigo Vázquez García presenta rá 'O estudo da música a través da cultura popular', acompañado pola deputada de Cultura Iria Castro; e ás 19:30 horas Agustín Agra presentará 'O libro das contrarias', Premio Ánxel Fole do Concello de Lugo, acompañado polo escritor Xerardo Quintiá e a concelleira de Cultura de Lugo, Tareixa Antía Ferreiro Tallón. Ademais, Óscar Reboiras asinará 'A agonía das Folerpas/El caso Salgueiro' na caseta da libraría Pedreira ás 19.00 horas.

O venres 16 haberá un espectáculo familiar 'Os Xogos do Paporrubio, xogos para toda a familia' ás 17.30 horas; ás 18.30 Tamara López Fernández presentará 'Á marxe da lei. A delincuencia común en Lugo durante o franquismo', acompañada pola deputada de Cultura Iria Castro; e ás 19:30 horas terá lugar a presentación do libro 'Luzeiras', con Cláudia Morán e Olalla Rodil, moderado por Marta Veiga.

Esa mesma tarde, Antía Martín Mosquera asinará 'Amores extraños' na caseta da libraría El faro de los 3 mundos e Ana Meilán asinará toda a súa obra na caseta da libraría Aguirre, ambas ás 17.30 horas; mentres que Cláudia Morán asinará 'Luzeiras' na caseta da libraría Agrasar ás 20.30 horas.

Finalmente, o sábado 17 será o día con máis actividade, comezando ás 12.00 horas coa presentación de 'As augas interiores' de Blanca Riestra, acompañada polo escritor Abraham Pérez. Ademais, ás 12.00 horas Paco Díaz presentará 'Ensamble Isaac acompañado por Luz Darriba, Carmen Blanco, Claudio Rodríguez Fer e Alejandra Díaz interpretará unha peza especial ENSAMBLEISAAC para rematar o acto.

Mentres, tamén ás 12.00 horas estarán firmando os seus libros Francisco Narla con 'El buen vasallo' na caseta da libraría Aguirre, Lorenzo de Medici asinará toda a súa obra a na caseta da libraría La Voz de la verdad, Marta Villar con 'Detective Ferruchi' na caseta da libraría Pedreira, e ás 13.00 horas Yolanda Álvarez con 'Zapato e bota' na caseta da libraría Agrasar.

Xa pola tarde, haberá diversas actividades, comezando ás 17.30 horas coa obra teatral 'Carapuchiña vermella' de Pedras de cartón, e ás 18:30 horas Pablísimo representa a obra 'Cabicivai'. Pola súa parte, ás 19:30 horas será 'Bailen as vellas. Os contos das cereixas', unha proposta de narración oral para público adulto con Atenea García e Vero Rilo.

Con respecto ás firmas de libros, tamén haberá pola tarde, comezando ás 17:30 horas con Celia Veigas, que asinará 'Entre Rías' na caseta da libraría El faro de los 3 mundos. Ás 18:00 horas será a quenda de Cova P.L. con 'Amar y destruir' na caseta da libraría La Voz de la verdad, ás 19:00 horas con Sonia Arias López 'Antes pasábase por aquí' na caseta da libraría Aguirre, ás
19:00 horas Javier Regueira Serrano asina 'El límite de Kallmanm' na caseta da libraría La Voz de la Verdad e á mesma hora Esteban A. Jiménez asinará 'Lágrimas de plata' na caseta da libraría Agrasar.

CONSULTA O PROGRAMA POR DÍAS E HORAS

⚙ Configurar cookies
0.16367197036743