Comeza a funcionar o primeiro punto limpo móbil da zona urbana de Lugo
O Executivo do Paula Alvarellos, a través da área de Transición Ecolóxica que dirixe Miguel Fernández, puxo en funcionamento primeiro punto limpo móbil da zona urbana do municipio. “Este novo servizo, do mesmo xeito que ocorre co punto limpo móbil da zona rural, ten como obxectivo complementar ao punto limpo fixo, facilitando á cidadanía a separación daqueles residuos do fogar que deben ter unha xestión diferenciada, ben por ter compoñentes perigosos que poden contaminar o medio ambiente, ben aqueles que, polo seu tamaño, ou simplemente aqueles que se poidan reutilizar unha vez recolleitos”, sinalou Fernández.
Para prestar este novos servizo, que se inaugurou en Agro do Rolo, a empresa concesionaria equipou cun vehículo específico de última xeración con distintos contedores nos que a veciñanza poderá depositar os residuos en función da súa orixe. As localizacións estarán publicadas no propio Punto Limpo Móbil e daranse a coñecer a través da páxina web do servizo www.lucelugo.gal, a través da app BITPayt ou na oficina de atención ao cidadán situada na rúa Clérigos nº 7.
“Ideamos un itinerario que percorre toda a zona urbana do municipio e que conta con 15 localizacións fixas onde de forma periódica poderase realizar os labores de depósito de residuos, desde Magoi ata O Castiñeiro, pasando por Fonte dos Ranchos, o Sagrado Corazón ou A Milagrosa. Consideramos que estas facilidades van contribuír a incrementar aínda máis os bos datos de reciclaxe do noso municipio, en boa medida polo labor que se está levando a cabo desde o Servizo Municipal Loce Lugo e tamén grazas ao aumento de concienciación sobre esta materia que mostran os lucenses e as lucenses nos últimos anos”, sinalou o concelleiro.
O horario de funcionamento do servizo de Punto Limpo Móbil será de 08.00 a 14.30, todos os días da semana de luns a venres, excepto os festivos. Unha vez concluída a xornada, as persoas operarias depositarán os residuos recollidos ese día nos correspondentes contedores do Punto Limpo Fixo. Ademais, durante o transcurso do traballo, a persoa responsable deste servizo realizará un traballo de asesoramento e informará as persoas usuarias dos distintos servizos que se ofrecen á cidadanía, como son servizo do punto limpo fixo, servizos de porta a porta, localización de contendores de recollida selectiva etc.
“Os residuos que se poderán depositar, sempre en pequenas cantidades e pequeno tamaño, neste punto limpo móbil inclúen metais e residuos férricos de pequeno tamaño, residuos plásticos, pequenos aparellos eléctricos e electrónicos, farois, lámpadas así como baterías e pilas. Tamén se poderán depositar medicamentos, aceites vexetais, botes de pintura e aerosois, entre outros restos de carácter doméstico”, concluíu o edil de Transición Ecolóxica.