Comeza a II Ruta do Cocido por (E)TAPAS de Lugo Monumental ata o 23 de marzo

LugoXa
O éxito da ruta inaugural do ano pasado, na que participaron cinco establecementos, levou a que neste 2025 sexan dezaoito os locais participantes
Entrega-premios-ruta-etapas-lugo-monumental
12 Mar 2025

A II Ruta do Cocido por (E)TAPAS, organizada pola Asociación Lugo Monumental, multiplica os locais participantes cunha resposta aínda máis positiva que na súa primeira edición.

O éxito da ruta inaugural do ano pasado, na que participaron cinco establecementos, levou a que neste 2025 sexan dezaoito os locais que se suman a esta proposta gastronómica.

Nesta ocasión, a Praza do Campo será novamente o epicentro deste evento, que promete encher as rúas de Lugo co sabor tradicional dun bo cocido, pero presentado de maneira innovadora en formato tapa.

O concepto segue sendo o mesmo que na pasada edición: os locais ofrecerán aos seus clientes unha tapa de cocido cunha base común de verdura, pataca e garbanzo, aínda que cada un lle dará un toque persoal con diferentes tipos de carne.

Esta variedade de carnes fai que a ruta se converta nunha experiencia de sabor única, e cun prezo de 3 euros por tapa, o que invita a percorrer todos os locais e probar as súas especialidades ata o 23 de marzo.

En canto á participación, este ano súmanse 18 establecementos, con ampla variedade de carnes que acompañarán a base común de cada tapa. Entre os participantes atopamos locais tradicionais e novos referentes gastronómicos da cidade, como a Taberna Daniel, que ofrece orella, ou 101 Vinos, coa súa tapa de rabo. Outros locais como Os 3 Pes e Ave César optaron polo morro, mentres que Las Cinco Vigas e Restaurante Antas sorprenderán con lacón. Ademais, o Rabo será protagonista en Coco’s Bar e Orixe do Campo ofréceonos panceta na súa versión máis sabrosa.

Como nas edicións anteriores, os participantes terán que percorrer os locais e selar polo menos cinco casillas da súa cartilla para poder acceder a un sorteo con premios como visitas a adegas, museos de cervexa e lotes de viño e cervexa.

⚙ Configurar cookies
0.089779138565063