Comeza a instalación de luminarias do Plan ilumin@ da Deputación

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación xa comezou a substituír as luminarias existentes por outras de tecnoloxía LED nos concellos adheridos ao plan ILUMIN@.
instalacion de luminarias en baltar de begonte
20 Feb 2021

A Deputación de Lugo xa comezou a substituír as luminarias existentes por outras de tecnoloxía LED de baixo consumo nos 38 concellos da provincia adheridos ao plan de aforro enerxético ILUMIN@. En concreto, os traballos xa están moi avanzados nos municipios de Baralla, Cospeito, Láncara, Begonte e Castro de Rei e no resto están a piques de comezar, logo de rematar esta semana todas as accións da primeira fase de supervisión de instalacións técnicas municipais.

No caso de Baralla estase acometendo a renovación enerxética do alumeado público de Sobrado de Picato, onde se renovan 36 puntos de luz cun investimento de máis de 14.000€. Isto suporá un aforro de consumo de enerxía eléctrica do 52%, segundo refiren os informes técnicos.

Pola súa banda, en Cospeito o Ilumin@ está mellorando o alumeado público no núcleo de Xustas. Renóvanse 58 puntos de luz cun investimento de preto de 19.000€. Neste caso, o aforro enerxético será do 72% con respecto á actual instalación.

Onde tamén están moi avanzados os traballos é na localidade de Láncara. O obxectivo neste lugar é renovar a instalación do alumeado público de San Pedro e da Área Recreativa. Cámbianse 33 puntos de luz cun investimento de máis de 15.500€, o que suporá un aforro enerxético do 56% nas instalacións nas que se actúa.

No concello de Begonte, ademais, estase actuando nas instalacións exteriores da Carretera de Saavedra e Baltar-Damil. Neste municipio renóvanse 30 puntos de luz cun investimento de máis de 14.000€ e un aforro previsto de case o 80% do consumo eléctrico das instalacións, segundo os informes técnicos.

Doutra banda, en Castro de Rei, múdanse 32 puntos de luz do alumeado das rúas Emilio Sinde Nieto, Manuel Becerra e Prevesos. Neste caso, invístense preto de 20.400€, significando un aforro do 84% na factura desta instalación.

Todas as actuacións que se desenvolvan nos 38 concellos adheridos rematarán, como prazo máximo, en xuño deste ano.

1ªfase rematada

Esta semana rematáronse as visitas en todos os concellos adheridos ao plan que realizou o persoal técnico da Axencia de Enerxía da Deputación de Lugo, representantes da empresa que prestará o subministro en cada unha das zonas e da empresa que dá asistencia técnica ao plan. Neste proxecto están involucrados 38 municipios da provincia que decidiron adherirse para mudar luminarias convencionais por outras LED que consuman e contaminen menos.

Esta primeira fase do proxecto tiña como obxectivo ver o estado de cada instalación e comprobar se era necesario cambiar algún elemento a maiores do previsto para que as actuacións sexan o máis eficientes e óptimas posible.

Contrato en 3 lotes

A Deputación adxudicou o contrato en preto de 530.000€ e divídese en tres lotes, cada un por unha zona xeográfica da provincia. O prazo de execución dos traballos é de 6 meses. O Lote 1 correspóndese coa zona norte e foi adxudicado á empresa MANUEL NOVOA CASTRO S.L.U. e inclúe os concellos de Meira, Burela, A Pastoriza, Riotorto, Lourenzá, Ourol, Mondoñedo, Xermade, O Vicedo, Ribeira de Piquín, Alfoz, Trabada, O Valadouro e Vilalba.

No caso do Lote 2, relativo á zona centro da provincia, foi adxudicado á empresa Hallmann Energie, S.L., e correspóndese con: Baralla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, Cospeito, Friol, Guntín, Láncara, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz e Rábade.

Pola súa banda, o  Lote 3, zona sur, foi adxudicado á empresa Cyme Santos Héctor, S.L., e comprende aos concellos da Pobra do Brollón, As Nogais, Carballedo, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, O Incio, O Páramo, O Saviñao, Pantón, Quiroga, Samos e Sober.

O plan ILUMIN@

O Plan Ilumin@ está dotado con 723.000€, dos que o 80% son fondos europeos que a Deputación conseguiu a través do IDAE (Instituto de Desenvolvemento de Aforro Enerxético), un organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica.

Con este plan, os 38 concellos da provincia que decidiron adherirse cambiarán en total unhas 3.200 luminarias por outras de tecnoloxía LED, o que suporá un aforro conxunto de 62.000€ ao ano, isto é, ata un 63% da facturación eléctrica das instalacións municipais nas que se actuará, fundamentalmente alumeados públicos exteriores.

Ademais, a tecnoloxía LED permitirá reducir o consumo nun total de 450.000 quilovatios ao ano, o que minimizará tamén a pegada de carbono.

O plan ILUMINA@ forma parte do obxectivo estratéxico da Deputación de cooperar cos municipios para que poidan prestar servizos públicos eficientes á cidadanía aforrando custes, pero tamén preservando o medio ambiente.

0.14050102233887