Comeza a instalación dos colectores de aceite doméstico nas parroquias do rural

LugoXa
A concellería de Medio Ambiente inicia a instalación de 60 colectores de aceite doméstico nas parroquias do rural
insstalacion contenedores aceites parroquias
10 Maio 2023

A concellería de Medio Ambiente que dirixe o tenente de alcaldesa Miguel Fernández, a través do servizo municipal de limpeza Luce Lugo, comezou a instalar xa na zona rural 60 colectores para depositar aceite doméstico usado co obxectivo de favorecer a súa reciclaxe e posterior reutilización.

O Executivo de Lara Méndez dá continuidade así, tamén nas parroquias, a unha prestación que leva meses instaurada no centro da cidade e, a través da cal, se recolleron no primeiro cuadrimestre de ano un total de 5.998 kilos deste tipo de residuos, a razón de 790 kg en xaneiro, 1.130 kg en febreiro, 2.040 kg en marzo e outros 2038 kg en abril.

Un crecemento exponencial que o responsable de área valorou con moita satisfacción ao tempo que convidou á veciñanza a seguir consolidando estes novos hábitos de concienciación “que redundan directamente na conservación e coidado do planeta”.

Miguel Fernández aproveitou, así mesmo, para lembrar que “Lugo é a primeira cidade de Galicia que dispón deste tipo de contenedores aos que se lle aplica un recubrimento especial chamado PurifAir, que limpa o aire dos contaminantes habituais na atmósfera contribuíndo a eliminar a contaminación no ambiente ate un 70%”.

Así, incidiu en que cada unidade mitiga a contaminación anual dun coche e purifica o aire na mesma proporción que o farían 10 árbores, polo que, “en total, todos os que foron colocados na zona urbana supoñen unha acción conxunta similar á de 500 novos árbores, que se duplicarán agora cos recipientes que estamos instalando nos núcleos”.

Os novos colectores dispoñen, igualmente, dun sistema antivandalismo que impide a apertura e extracción do material. Só se debe depositar neles aceite usado de cociña e non aceites de motor e sempre dentro dunha botella de plástico ben pechada, preferiblemente transparente. É conveniente evitar o cristal, xa que podería romper ao precipitarse ao interior.

Para ponderar a trascendencia da reciclaxe desta substancia, Fernández fixo fincapé en que unha familia de catro membros é capaz de xerar ata 250 litros de aceite usado ao ano e que un litro de aceite botado polo vertedoiro contamina ata 1.000 litros de auga, o equivalente ao que bebería unha persoa nun ano e 3 meses pero, ademais, supón atascos e malos cheiros nas tubaxes de saneamento, dificultando o funcionamento das depuradores.

“Por iso, dende o Concello instamos á súa adecuada reciclaxe que incentivamos previamente coa posta en marcha dunha campaña de sensibilización na que repartimos de xeito gratuito 5.600 embudes entre a poboación”.

O aceite reciclado será reutilizado para a fabricación de biodiésel, un biocarburante con baixas emisións de CO2. Por cada litro de aceite tratado obtense case un litro de biodiésel. A empresa PMA (Protección Medio Ambiental) é a encargada da recollida do aceite.

0.18999290466309