Comeza a ordenación na Louzaneta co proxecto para soterrar as liñas de media tensión
O Decreto, asinado hoxe pola alcaldesa, recolle tamén dar inicio ás xestións coas compañías eléctricas para poder trasladar as liñas cando remate a obra civil.
O Goberno de Lara Méndez continúa a dar pasos na urbanización do sector da Louzaneta, desbloqueando así a súa ordenación, afectada durante moitos anos por diversos cambios normativos.
Deste xeito, logo de manter varios encontros coa veciñanza para poñer en común as súas inquedanzas e abordar, da man dos técnicos municipais, as solucións técnicas máis convenientes, o Concello procedeu a realizar un estudo sobre a situación actual de cada un deles co fin de acadar que os terreos se adapten ao establecido legalmente para poder ser recibidos pola Administración local.
Un obxectivo, segundo lembrou a rexedora, que esixía de diversas subsanacións entre elas o soterramento das liñas de Media Tensión existentes en todo o sector.
“Esta mesma mañá din orde de iniciar xa os trámites para comezar a redacción do Proxecto de Obra Civil necesaria para proceder ao soterramento das devanditas liñas áreas que teñen afectación nos polígonos 1, 2 e 3 e que nos permitirá acometer, posteriormente, a execución dos traballos. Un impulso que se traduce á súa vez no avance da ordenación de todo o sector e co que se constata a veracidade do compromiso que adquirín coas persoas residentes nesta zona para desenquistar unha parálise que se prolongaba no tempo sen visos de solución e que comprometía a situación deste ámbito urbanístico do municipio”, afirmou Lara Méndez.
A alcaldesa explicou, así mesmo, que o documento deberá incorporar tamén o correspondente cálculo das repercusións económicas que esta intervención terá para cada polígono en función do aproveitamento lucrativo dos mesmos, xa que o Concello toma a iniciativa e asume o custo das obras pero de forma subsidiaria.
Igualmente, o decreto de Alcaldía, asinado este xoves, determinaba o imperativo de xestionar ante Unión Fenosa e Begasa o expediente económico administrativo necesario para o traslado das liñas eléctricas unha vez executada a obra civil do proxecto municipal.
“Resolvemos así, dunha forma conxunta, unha das principais eivas que afectaban ao SUNP Sur B Louzaneta – Areeiras, desatascando a situación e ofrecendo seguridade á comunidade veciñal de que o camiño da súa regularización definitiva xa está en marcha”, engadiu Méndez que, unha vez máis, deixou manifesta a súa vontade de seguir colaborando para abordar a revisión e posta ao día das diferentes instalacións e servizos urbanos que se atopan no sector como pode ser o arranxo do deterioro de baldosas, das arquetas da calzada, ou a renovación da sinalización horizontal, entre outros aspectos.