Comeza a peonalización da rúa do Esquecemento, en Lugo

LugoXa
O proxecto, que suporá humanizar a rúa, conta cun investimento de 50.000 euros e prevese rematar en tres semanas
rúa esquecemento lugo
27 Feb 2021

O Concello de Lugo vén de iniciar as obras para a peonalización e humanización da rúa do Esquecemento, no barrio da Milagrosa. Os traballos contan cun investimento de 50.000 euros e prevense rematar en tres semanas.

A alcaldesa Lara Méndez, que este venres se reuniu con veciños desa rúa, apuntou que con esta actuación "damos resposta a unha demanda veciñal, pois foron numerosas as peticións que recibimos para acondicionar e restrinxir a circulación de vehículos nesta rúa, gañando espazo para os peóns e unha nova zona de esparexemento e de conexión social para o conxunto da veciñanza”.

Nese senso, a rexedora apuntou que a actuación busca "a consecución dun espazo máis humano e utilizable polo cidadán, facendo máis agradable o paso pola vía e fomentar a socialización, cando as condicións meteorolóxicas o permitan". Para iso, dixo, instalaranse parklets -unhas estruturas de descanso que inclúen vexetación-, "unha solución novidosa coa que melloramos a calidade da paisaxe urbana, ao tempo que ofrecemos novos espazos de socialización e ampliamos as zonas verdes da cidade”.

Para cumprir estes obxectivos executarase un pavimento das actuais beirarrúas, sen barreiras arquitectónicas de ningún tipo, e a instalación dun conxunto de dous bancos e mobiliario urbano tipo parklet dotado de iluminación propia.

Así, o proxecto contempla, por unha banda, o peche da rúa ao tráfico rodado, con excepción de residentes e servizos de subministración aos negocios existentes, e por outra, a execución dun pavimento peonil sobre o asfaltado actual, o recrecido dos pozos de rexistro existentes no firme viario, así como a dotación de mobiliario urbano e nova iluminación.

Actualmente, a rúa do Esquecemento, que ten uns 100 metros de lonxitude, é unha vía de carril único e dobre sentido de circulación, de uso practicamente exclusivo por parte dos residentes e dos usuarios dos garaxes dos edificios adxacentes. Trátase dunha rúa cega, xa que aínda que os peóns si poden comunicarse a través dela entre a Rúa do Camiño Real e a Avenida da Coruña, só hai unha única entrada e saída para os vehículos.

lara méndez veciños rúa esquecemento lugo
recreación rúa esquecemento lugo
0.18229794502258