Comeza a peonalización do treito final da rúa Camiño Real
O tenente alcalde e responsable de Mobilidade, Rubén Arroxo, visitou xunto con Alexandre Penas, concelleiro de Infraestruturas Urbanas a rúa Camiño Real, onde comezaron os traballos de peonalización do treito comprendido entre a rúa Concepción Arenal e a Ronda da Muralla.
“Poñemos en marcha outra das nosas propostas coa que nos presentamos ás eleccións de 2019, continuando a avanzar na recuperación de espazos peonís na contorna da Muralla”, explicou o Rubén Arroxo, que engadiu “este treito será a rúa Bispo Aguirre da zona norte da Muralla, e, ao continuar a retirar vehículos da contorna da Muralla facilitará avanzar en futuras peonalizacións”.
A nova zona peonil manterá o acceso rodado para as e os residentes, e o tráfico procedente da rúa Camiño Real desviarase, percorrendo a rúa Concepción Arenal e incorporándose de novo á Ronda da Muralla a través da rúa das Anduriñas.
Este treito terá un mellor acondicionamento ambiental, dado que se instalarán novas verdes con árbores e arbustos. O mobiliario urbano tamén se renovará, instalando bancos con respaldo, ademais de papeleiras e fontes.
O Goberno de Lugo aprobou a contratación da execución desta obra, que suporá un investimento de 279.432,31€. A empresa adxudicataria, Construcciones Taboada y Ramos, terá un prazo de execución de 6 meses unha vez comecen os traballos.