Comeza a programación teatral que se celebrará no Auditorio Municipal Gustavo Freire

LugoXa
'La maestra' de Anita Maravillas, Premio FETÉN 2024 ao mellor espazo escénico, será a primeira mostra desta programación
auditorio-gustavo-freire
11 Jan 2025

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua de Lugo, Maite Ferreiro, lembrou que este domingo pola tarde comezará a intensa programación teatral que se celebrará no Auditorio Municipal Gustavo Freire durante os primeiros meses de 2024. Ferreiro explicou que "contamos con 30 actividades culturais con contidos para todos os públicos, que se levarán a cabo entre o 12 de xaneiro e o 18 de maio".

"Queremos poñer o foco nas producións de artes escénicas de mellor calidade feitas en Galicia, que serán o fío condutor da programación, e tamén contaremos con obras internacionais de calidade contrastada", explicou a concelleira, que engadiu: "Esta programación está pensada para o deleite dos amantes do teatro e para achegar esta disciplina por primeira vez, traendo a Lugo o mellor do teatro e da danza galega xunto cunha coidada selección de propostas premiadas en importantes festivais".

A programación inclúe actividades para público adulto e familiar, ademais de ciclos de danza e de teatro para a primeira infancia, con actividades de formato reducido para os máis pequenos. En total, haberá 29 actividades, con 12 propostas para público adulto, 5 dentro do ciclo Lugo en Danza, 10 para público familiar e 3 para a primeira infancia.

Para acceder ao recinto, será necesario adquirir as entradas a través do portal entradaslugo.es ou de forma presencial na oficina municipal de turismo, cun prezo de 5 euros para as actividades de público adulto e danza, e de 3 euros para as actividades familiares e de 1ª infancia. Ademais, haberá bonos a un prezo de 36 euros para as actividades de público adulto e 20 euros para as actividades para público familiar, que permitirán acceder a distintas actividades. No caso do ciclo Primeira Infancia, o bono terá un prezo de 6 euros e para as actividades de danza, de 15 euros. As persoas en paro, menores de 30 anos, pensionistas e actores e actrices asociadas á AAAG terán un desconto do 30% nas actividades para público adulto.

La maestra de Anita Maravillas, Premio FETÉN 2024 ao mellor espazo escénico, será a primeira mostra desta programación, que terá lugar este domingo, 12 de xaneiro, a partir das 18.30 horas. A actividade está recomendada para nenos e nenas a partir de 6 anos e ten unha duración de 55 minutos.

0.16198110580444