Comeza a reconstrución do muro de Frai Plácido Rei Lemos

LugoXa
A reconstrución busca mellorar a integración paisaxística do muro, ao mesmo tempo que busca eliminar a barreira arquitectónica
muro-de-Frai-Plácido-Rei-Lemos
9 Xul 2024

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, mantivo un encontro con veciñas e veciños da contorna da rúa Frai Plácido Rei Lemos para presentar o proxecto de reconstrución do muro unha vez se iniciaron os traballos. A finais de 2022, o Goberno de Lugo procedeu a apuntalar despois de que os servizos técnicos do Concello de Lugo revisaran o desgaste da infraestrutura durante máis de 15 anos, e comezouse a elaboración dun proxecto de renovación integral deste muro que mellore a imaxe e a integración paisaxística da zona, ao mesmo tempo que se eliminaron as barreiras arquitectónicas.

"Decidiuse que era o momento de actuar antes de que o deterioro do muro continuase", explicou Rubén Arroxo, que engadiu "coa reconstrución integral desta estrutura aplicamos un gran número de melloras con respecto ao estado anterior deste muro". A actuación foi adxudicada por 747.862,97 euros, conta cun prazo de execución de 10 meses. O proxecto que se está a executar reducirá as cotas existentes entre a rúa Frai Plácido Rei Lemos e o Parque de Rosalía. "Crearemos un percorrido accesible para todas as persoas, creando unha rampla na fronte do muro, na zona que parte do final do Paseo Vila de Foz, que remate na rúa Cidade de Viveiro, conectando o barrio de Recatelo co Parque sen barreiras arquitectónicas, avanzando nunha cidade máis accesible para todas as persoas", declarou o Tenente Alcalde.

A reconstrución busca mellorar a integración paisaxística do muro, ao mesmo tempo que busca eliminar a barreira arquitectónica que supón a diferencia de cotas, aplicando criterios como a o respecto polo entorno e a calidade estética da solución. A diferencia de alturas resolverase cunha solución máis orgánica e integrada que a actual, fuxindo da reconstrución dun muro de gran altura que non dialoga coa contorna. "Realizarase un escalonamento do muro en distintos bancais, o que permitirá mellorar o impacto visual da estrutura", explicou Rubén Arroxo.

No primeiro dos bancais, o máis próximo á rúa Frai Plácido Rei Lemos, proponse unha zona completamente axardinada, "creando unha nova zona verde na cidade para o desfrute de toda a veciñanza, e avanzando no obxectivo de crear un gran pulmón verde nas rúas de Lugo, reducindo a temperatura do pavimento especialmente nos días de máis calor", afirmou Rubén Arroxo. No segundo dos bancais construirase unha praza con árbores, plantexada como un pequeno espazo de descanso para a veciñanza. Este bancal permitirá dar unha imaxe máis orgánica ao conxunto ao mesmo tempo que consigue unha mellor integración do muro coa contorna e reduce o impacto paisaxístico.

0.18482089042664