Comeza a remodelación do parque infantil de Montirón

LugoXa
Dan comezo as obras da remodelación integral da área infantil de Montirón que está situada na Praza de San Xoán
210922 Imaxe da alcaldesa de Lugo e do edil de Medio Ambiente supervisando o inicio da remodelación do parque de Montirón II
21 sep 2022

Comeza a remodelación integral da área infantil de Montirón, situada na Praza de San Xoán. O Concello segue avanzando, así, na renovación e mellora dos parques da cidade, atendendo ás demandas das persoas residentes nos diferentes barrios da capital e que, neste caso, instaban ao acondicionamento do recinto debido a que o aumento de vivendas e de usuarios das dotacións da contorna redundou tamén no seu desgaste.

A actuación – segundo indicou a alcaldesa - “permitirá mellorar considerablemente toda a configuración do recinto, incrementando o seu atractivo e capacidade integradora xa que disporá de elementos novidosos e accesibles para crianzas con diversidade funcional”.

Pola súa banda, o responsable de Medio Ambiente deu conta, alén, de que os labores previstos, que suporán un investimento municipal de 46.400 euros, inclúen a reparación e adaptación dos xogos existentes, mediante o seu lixado, pintado, barnizado e a reposición de pezas deterioradas; a renovación completa do solo da área de xogos (252m²) na que se instalará pavimento de caucho en diversas cores, así como a substitución do valado de madeira existente, o que mellorará substancialmente, en conxunto, a súa confortabilidade.

“Instalaranse, ademais, dous novos elementos: un multixogo con torre e tellado - no que as crianzas gozarán de tobogán, rede de escalada, paneis lúdicos e mostradores, balcón e escaleira – e un columpio accesible”, explicou Miguel Fernández.

A intervención, que terá un prazo de execución aproximado de dous meses, segue a outras executadas este mesmo ano polo Goberno de Lara Méndez, como as acometidas nas áreas da Avenida das Américas, San Roque ou Río Mandeo, e precederá a outras similares proxectadas na Fonte dos Ranchos, o Castiñeiro ou o Campo Castelo.

0.24520397186279