Comeza a rexeneración do barrio do Carme
O proceso de recuperación e rexeneración do barrio do Carme xa está en marcha. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, supervisou esta mañá o inicio das obras de peonalización e humanización da praza e a rúa do Carme, actuación que mudará por completo a faciana do espazo público que vertebra este emblemático barrio da cidade. A intervención, que ten un prazo de execución de 5 meses, supón un investimento de 552.213 euros e non se limita unicamente a profunda transformación urbana do Carme, senón que posibilitará a dinamización económica e social deste punto estratéxico da urbe onde conflúen dous dos nosos Patrimonios da Humanidade, a Muralla e o Camiño Primitivo.
“Con esta obra contribuímos a renaturalizar e humanizar esta contorna privilexiada nun barrio que queremos que sexa outro referente para a nosa cidade e no que apostamos firmemente por un crecemento sostible e un deseño adaptado aos estándares urbanísticos do século XXI, blindando así o futuro do noso patrimonio e posibilitando, ademais, fixar nova poboación nesta zona de enorme valor patrimonial. Este proxecto estratéxico pon en valor a entrada ao Centro Histórico ao mesmo tempo que aporta calidade de vida á veciñanza e permite o desenvolvemento da zona como espazo residencial e comercial”, sinalou a rexedora.
“Esta iniciativa fixa como unha das súas prioridades permitir o desenvolvemento social e económico do barrio. Polo que ademais dos traballos que transformarán os espazos públicos e porán en valor o noso patrimonio, dotará a esta zona dunha nova rede de abastecemento e saneamento, soterrará os tendidos aéreos de baixa tensión e de telecomunicacións e proporcionará un novo sistema de alumeado público deseñado con perspectiva de xénero, o que significa a modernización da zona como espazo residencial e que, sen dúbida, permitirá dinamizar a iniciativa particular e incentivar a rehabilitación de vivendas”, apuntou Méndez.
Aspectos técnicos da obra
Os traballos de peonalización, totalmente respectuosa coa contorna, contempla unha plataforma unitaria que integrará a rúa do Carme co xardín, a Capela e o Museo, para gañar espazos e darlles máis amplitude, atendendo a criterios de embelecemento e de seguridade vinculada coa perspectiva de xénero. O ámbito da intervención, que abarca case tres quilómetros de superficie, comprenderá tamén as travesías Noriega Varela e do Carme e a senda peonil que une Noriega Varela coa praza, por detrás da Capela.
Os actuais firmes se substituirán por un pavimento de formigón desactivado cor gris granito, que tamén se utilizará na senda peonil, aínda que noutras tonalidades máis similares ao aspecto actual. O obxectivo é empregar a cor como factor diferenciador entre o espazo do viario mixto (de prioridade peonil) e o estritamente reservado a viandantes para garantir a seguridade viaria.
De forma complementaria se levará a cabo o acondicionamento dos xardíns, mellorándoos con céspede e especies florais novas, en prol dunha maior naturalización de toda a contorna. Por outra banda, instalarase mobiliario urbano e arboredo por toda a rúa en prol dunha maior confortabilidade dos espazos, que serán accesibles e nos que se eliminan as actuais barreiras arquitectónicas.
Esta obra de carácter estratéxico súmase a outras medidas postas en marcha polo Executivo de Lara Méndez para lograr a transformación completa do barrio, como son a musealización da Cloaca, a mellora do Camiño Primitivo e a Vía XIX ou a edificación do primeiro coliving artístico municipal de toda España. Ademais, os servizos da zona están sendo mellorados con medidas adicionais que repercuten no conxunto de toda a cidade como a posta en marcha dunha bolsa de estacionamento público e gratuíto detrás da Capela – que se completará con máis prazas no Fogar de Santa María- ou o parque en homenaxe ás vítimas da Covid, que suporán un antes e un despois para a rúa e a súa contorna de especial protección.
O proxecto será cofinanciado nun 80% con fondos Feder da estratexia DUSI Muramiñae.