Comeza a sinalización das obras de peonalización de Santo Domingo
Este mércores darán comezo os traballos de sinalización do Plan de Tráfico que rexerá as obras de peonalización de Santo Domingo nas primeiras fases da intervención que se concentrarán na rúa do Teatro.
Co obxectivo de evitar o maior grado de afectación posible, o Concello de Lugo comunicou xa ás persoas residentes nesta contorna cales serán os principais cambios que experimentará o tráfico durante as 16 semanas que durarán os labores, aínda que – como xa sucede nos outros dous proxectos en marcha neste momento na rúa Montevideo e na Praza de Ferrol - se trata dun plan aberto que recolle a previsión inicial e que poderá se modificado tanto para incorporar as demandas da cidadanía como as solucións a posibles contratempos, propios de calquera obra, que xurdan co avance das tarefas.
A actuación na rúa do Teatro (fases A e B) terá unha duración estimada de catro meses durante os cales se pretende mudar a configuración desta vía para convertela, en consonancia da transformación que experimentará posteriormente a praza de Santo Domingo, nunha plataforma única e inclusiva que permitirá o acceso a todas as persoas sen que existan resaltes.
Igualmente, procederase á renovación do alumeado e da rede de abastecemento así como do mobiliario público, incorporando elementos vexetais que melloren a calidade do espazo. Adaptarase o trazado das canalizacións de saneamento e se substituirá a rede unitaria por rede separativa, creando novas canalizacións para a distribución de enerxía eléctrica en baixa tensión e para redes de telefonía, ao tempo que se realizará unha posta en valor do patrimonio arqueolóxico existente.
Dende o Goberno local incídese en que todas as obras desta fase se centrarán na rúa do Teatro ao mesmo tempo que se definen os termos da renaturalización da Praza de Santo Domingo.
En canto ás variacións de tráfico previstas para estas dúas fases, sinalar que, por unha banda, as e os peóns poderán circular sempre pola rúa do Teatro a través dun itinerario seguro, libre de obstáculos e adaptado para o uso de cadeiras de rodas.
O acceso ás vivendas e locais comerciais estará garantido e o acceso aos garaxes mantense, na medida do posible, en todo momento, a excepción de traballos puntuais que serán comunicados cun mínimo de 48 horas de antelación.
Ambas fases contemplan, igualmente, o acceso ao aparcadoiro privado de rúa do Teatro e ao público da Pr. Santo Domingo.
En canto aos Taxis e zonas de Carga e Descarga, as prazas de estacionamento reservadas ao efecto trasladaranse ao outro marxe da praza.
Con relación á FASE A. Esta afectará concretamente á beirarrúa e carril dereito da rúa do Teatro, segundo o sentido de circulación cara a Praza Santo Domingo.
Nas 8 semanas nas que prevé estenderse, o carril esquerdo - o non ocupado - terá sentido de circulación de entrada á Pr. Santo Domingo. A saída de vehículos da zona afectada efectuarase pola rúa San Marcos, na que se levará a cabo unha reorganización para conciliar as zonas de paso co interese comercial dos establecementos situados na vía.
En canto á FASE B, esta se circunscribe á beirarrúa e carril dereito da rúa do Teatro, segundo sentido de circulación cara a Rolda da Muralla.
Terá tamén unha duración estimada de 8 semanas, durante as cales o carril de entrada desde a Rolda da Muralla será o habitual, mentres que a saída de vehículos da zona afectada terá lugar tamén por San Marcos, ao igual que na fase 1.
Deixarase acceso ao aparcadoiro salvo momentos puntuais de actuación na zona.