Comeza a vacinación contra o papiloma virus en varóns de 15 a 18 anos

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A vacinación será a iniciativa dos propios nenos ou das súas familias que poden solicitar cita de enfermería
vacina
18 Sep 2024

A Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, inclúe desde hoxe no calendario de vacinación galego aos nenos varóns nados entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 31 de decembro de 2009 na protección fronte ao virus do papiloma humano (VPH) e así a Xunta ofrecerá a vacina a arredor de 27.000 persoas.

O procedemento para a vacinación será, por unha banda, a iniciativa dos propios nenos ou das súas familias que poden solicitar cita de enfermería para vacinarse fronte ao VPH a través da aplicación Sergas Móbil ou no seu centro de saúde. Por outro lado, de forma proactiva, a Dirección Xeral de Saúde Pública informou o persoal sanitario para que, a partir de agora, trasladen a oportunidade de vacinarse fronte a este virus ao atender a nenos nados entre 2006 e 2009.

A outra novidade é que a pauta ordinaria de vacinación fronte ao VPH pasa, desde hoxe, a ser dunha única dose, fronte ás dúas doses que se debían poñer ata o de agora.
A campaña que se inicia hoxe mércores non ten data de finalización e, polo tanto, as familias poderán programar a cita de vacinación segundo as súas necesidades.

Protección desde os 12 anos

Desta forma, Galicia anticípase á recomendación da Comisión de Saúde Pública de implantar en 2025 a vacinación dos nenos menores de 15 a 18 anos coa finalidade de reducir a incidencia de cancros asociados a este virus de transmisión sexual en varóns e, ademais, obter unha protección cruzada nas nenas.

Con esta recaptación diminuirá a incidencia en nenos de cancros orofarínxeos, anais e de pene causados polos tipos de VPH oncoxénicos contidos na vacina e de verrugas xenitais causadas polos tipos non oncoxénicos. En nenas, indirectamente, contribuirá a reducir a aparición de lesións precancerosas e cancros de cérvix, vulva e vaxina.

Grazas ao Programa Galego de Vacinación, desde o ano 2008 no caso das nenas e de 2022 en nenos, a Xunta ofrece a vacina fronte ao virus do papiloma humano cando se cumpren os 12 anos.

Actualmente, a porcentaxe de adherencia a esta vacina en nenas desde que se incluíu no seu calendario vacinal está preto do 100%, en nacidas desde 2006 a 2010. No caso dos nenos, a cohorte de 2010 chega a unha cobertura próxima ao 93%.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17856693267822