Comeza en Lugo a XLVII Semana de Cine cun amplo programa de actividades especiais

LugoXa
A edición inclúe homenaxes, exposicións, música e proxeccións en distintos espazos da cidade
presentación-Semana-de-Cine-de-Lugo-2025
22 Sep 2025

A XLVII Semana de Cine de Lugo arrinca cunha programación cargada de actividades paralelas que se desenvolverán ao longo de varios días e que inclúen exposicións, homenaxes, mesas redondas, música e proxeccións en diferentes escenarios da cidade.

Entre as accións máis destacadas figura a mostra dedicada ao 25 aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, con fotografías de profesionais lucenses baixo o título “Un cuarto de século despois. A muralla, punto de mira”. Tamén se inaugurará a exposición “90 anos de radio en Lugo. A radio da nosa vida. A nosa vida na radio”, coa participación de Tomina Gay, Paco Rivera, Chema Núñez Losada e un recordo especial para Marcial González Vigo.

Outro dos momentos singulares será a homenaxe aos 53 anos do Belén de Begonte, baixo o lema “O Nadal en setembro”, organizada en colaboración coa Asociación José Domínguez Guizán. Ademais, celebrarase unha mesa redonda sobre o Alzheimer coa intervención da Academia de Enfermaría de Galicia, o Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, AFALU e o servizo de Xeriatría do HULA, moderada por Isidoro Rodríguez.

O programa inclúe tamén un recoñecemento á fotógrafa sarriá Mercedes Vázquez Saavedra, outro á actriz chantadesa María Vázquez coa edición do libro “María Vázquez, de María a Matria” de Manuel Curiel e a colocación da súa placa no Paseo do Cine, así como a descuberta dunha placa en lembranza de Enrique Muiño, coñecido como “o gaucho galego”.

Nesta edición tamén se conmemoran os cen anos da película “A quimera do ouro” de Charlot, que protagoniza o cartel anunciador realizado polo artista lucense Primitivo Marcos. Ademais, a Semana desenvolverá ciclos de cine en Aspnais, en centros penitenciarios como Bonxe, Teixeiro e Monterroso, así como un concurso de escaparates en colaboración con Lugo Monumental.

A música tamén terá un papel protagonista coa Banda Sons e Soños, dirixida por Armando Morales, que actuará na inauguración oficial interpretando bandas sonoras de grandes películas, xunto coa regueifeira Lupe Blanco.

O programa arrinca o luns 22 coa presentación do libro de Manuel Curiel sobre María Vázquez na Deputación e a proxección de “A sombra do castiñeiro”, presentada polo seu director, Marcos Varela. Pola noite, no Auditorio Gustavo Freire, terá lugar a inauguración oficial coa actuación musical e a primeira proxección da sección oficial.

As actividades continuarán durante a semana con homenaxes, exposicións e proxeccións ata o sábado 27, cando se celebrará o acto de peche no Auditorio, coa entrega dos premios do certame de escaparatismo convocado por Fonmiñá e Lugo Monumental.

CONSULTA TODA A PROGRAMACIÓN

⚙ Configurar cookies
0.11184883117676